O PSOE pide á Xunta que reforce o servizo de autobús entre Monforte e Lugo

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Denuncian que en varios concellos aos que dá servizo esta ruta, como Láncara, O Corgo, ou O Páramo os rapaces e as rapazas non teñen opción de estudar bacharelato, polo que é preciso darlles alternativas.
26 sep 2023

Denuncian que en varios concellos aos que dá servizo esta ruta, como Láncara, O Corgo, ou O Páramo os rapaces e as rapazas non teñen opción de estudar bacharelato, polo que é preciso darlles alternativas.

O Grupo Provincial Socialista denunciou este luns os problemas que están a ter os usuarios e usuarias da liña de autobús que cubre o traxecto entre Lugo e Monforte de Lemos, saturado desde que comezou o curso escolar. Demandan á Xunta de Galicia que reforce o servizo, porque o autobús que sae ás 7:00 horas da Cidade do Cabe chega á Pobra de San Xiao xa sen prazas e con 8 paradas aínda por diante para chegar á capital da provincia. Dase a circunstancia de que moitas das persoas que empregan este servizo son estudantes que non teñen opción de cursar o bacharelato no seu municipio.

Nun vídeo que circula nas redes sociais, gravado este luns no interior do bus que cubre a ruta Lugo-Monforte ao seu paso pola Pobra de San Xiao, pode verse a varias persoas de pé, ocupando o corredor ante a falta de prazas. Esta liña é moi empregada por rapaces e rapazas de Láncara, O Páramo, Sarria ou o Corgo para ir a cursar os seus estudos de bacharelato ou FP á capital da provincia ante a falta de alternativas nos seus municipios.

Operado por Monbús, este autobús chega ás 7:48 horas á Pobra de San Xiao xa sen prazas para recoller ás persoas usuarias, a maioría estudantes, que se atopan na parada. Advirten os socialistas que “chegaron a quedar nesta parada ata 10 estudantes nas últimas semanas” tal e como lles contan as familias e que moitos teñen que coller o seguinte autobús, ás 9:00 horas, e chegar tarde as súas clases.

Neste senso, o Concello de Láncara levará a Pleno unha proposta de Alcaldía para instar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a que oferte máis viaxes neste traxecto, denunciando que as liñas de autobuses aos distintos municipios do rural son cada vez máis escasas, “o que obriga a moitos a desprazarse en vehículos particulares e mesmo a quedarse en terra”.

Os socialistas elevaron tamén ao Parlamento autonómico a súa demanda para que a Xunta reforce, polo menos, a liña das 7:00 horas entre Lugo e Monforte de Lemos, que é a que xera máis problemas.

Denuncian que o caso da Pobra de San Xiao non é unha novidade e que “dende o principio desta lexislatura levamos trasladando ao Parlamento as queixas, ao longo de todo o territorio galego, de usuarios e usuarias, así como de colectivos e concellos no relativo ao funcionamento do servizo público de transporte por estrada competencia da Xunta de Galicia”. Enumeran desde o PSdeG problemas ocasionados polos retrasos, reducións de frecuencias horarias, supresión de servizos sen previo aviso, falta de publicidade de horarios, falta de prazas nos autobuses, anuncios de melloras incumpridos ou faltas de puntualidade.

“Cada vez que interpelamos ao Goberno galego sobre o mal funcionamento do transporte interurbano da súa competencia sempre recibimos a mesma contestación, que se trata de problemas puntuais”, lamentan os socialistas, que aseguran que “a realidade é moi teimuda e desminte estas afirmacións da Xunta de Galicia” e apuntan do PSdeG a “problemas estruturais” que afectan ao servizo.

0.12879300117493