O PSOE reclama á Xunta as subvencións para o control de incendios nos montes veciñais

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Carmen Rodríguez alerta de que os retrasos do goberno obrigan a aprazar as labores preventivas ata despois da temporada de risco de incendios
incendio forestal lume
26 Dec 2021

A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamoulle ao goberno galego que abra xa as solicitudes de subvención para levar a cabo as labores preventivas de incendios forestais nos montes veciñais e os tratamentos silvícolas para o incremento do valor ecolóxico dos bosques. Rodríguez presentou unha iniciativa en Comisión parlamentaria que foi rexeitada polo PP.

A responsable socialista explicou que os traballos están condicionados á aprobación da axuda, e a Xunta ten un prazo máximo de 5 meses para notificar a resolución, o que provoca que de retrasar máis o procedemento de novo poderiamos atoparnos con que as labores preventivas non poden comezar ata despois de que comece a temporada de risco de incendio.

Rodríguez Dacosta alertou fronte ao risco de que se repita a situación deste mesmo ano, cando a pesares de ter rematado o prazo legal, houbo solicitantes que non puideron comezar coas labores preventivas ata o mes de novembro. Advirte que “é de perogrullo sinalar que o relevante e o obxecto da orde de axudas é que estas poidan realizarse antes de xuño e polo tanto da época de alto risco de incendios”.

Enfado crónico

A parlamentaria socialista levou ao parlamento o “enfado crónico” do sector forestal, que se atopa cada ano coa mesma situación de que “chega o verán sen que se fagan os traballos de prevención”. Explica que as comunidades de montes non poden comezar cos traballos ata que os técnicos da Xunta elaboren un informe que non chega ata despois da época de alto risco de incendios, e iso cando teñen a sorte de que as condicións climatolóxicas son axeitadas.

Lamenta que, segundo sinalan os afectados, “non serán necesarios os traballos de prevención porque chegará o incendio antes, e non vai deixar matogueira que desbrozar”. De feito, alerta de que con estes retrasos a Xunta incumpre a propia normativa autonómica, que obriga a desenvolver as tarefas de prevención antes do mes de xuño.

0.1518440246582