O PSOE reclama á Xunta que cumpra co anuncio das axudas á tenreira galega
A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Lara Méndez, esixiulle á Xunta que cumpra co compromiso de habilitar para 2025 un total de 12 millóns de euros de axudas para a indicación xeográfica protexida Tenreira Galega. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura do Parlamento na que advertiu que “os compromisos non se demostran con anuncios nin declaracións; demóstranse no DOG”.
Méndez pediulle ao goberno galego que lle dea continuidade aos 12 millóns de euros de axudas que aprobara para o ano 2024 co compromiso de reeditalas de cara ao ano 2025, pero dos que a día de hoxe non se sabe nada. Urxiu ao Executivo a comezar coa tramitación para facilitar a planificación económica dun sector do que viven 20.000 familias que dependen destas axudas para garantir a viabilidade dos cebadeiros, actualmente en perigo de peche.
Ademais reclamoulle que atenda ás peticións do sector para mudar os criterios para a concesión de axudas, actualmente dependentes do número de becerros, xa que, advertiu, “ás veces a mala planificación fai que non sexa todo o efectiva que debera ser”. Sinalou que o goberno galego “debe escoller criterios que sexan realmente efectivos e que contribúan a paliar a situación difícil e complexa do sector”.
Na súa intervención, a responsable socialista propuxo que o goberno galego incorpore estas axudas á PAC co obxectivo de darlles continuidade e, deste xeito, darlle ao sector a estabilidade que están a demandar. Afeoulle á Xunta que no canto de reforzar a súa política de apoio á indicación xeográfica, nos últimos anos veñan reducindo o investimento, pasando de 800.000 euros aos 500.000 orzados para 2024.
Lara Méndez emprazou ao goberno galego a marcar unha “folla de ruta” para reforzar a promoción exterior do sector e garantir a súa viabilidade e que as axudas deixen de ser necesarias. Sinalou que, malia ao gran coñecemento e prestixio da indicación xeográfica, a realidade é que entre o 55 e o 60 por cento da carne de Tenreira Galega é comercializada en Galicia.
Resumiu sinalando que “se a carne se coñece pero non se come estamos na mesma situación”, e que necesita abrir mercados urxentemente para que poidan darlle saída ao volume de carne producida.