O PSOE renova o 30% dos candidatos ás alcaldías da provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O PSOE renova o 30% dos candidatos ás alcaldías da provincia, incorporan xente moi nova, con alta cualificación e gran proxección,
psoe provincial eleccions
11 Mar 2023

Incorporan xente moi nova, con alta cualificación e gran proxección, e convértense na forza política pola que se presentan máis mulleres na provincia, cunha vintena de candidatas.

O Partido Socialista da provincia de Lugo presenta “os mellores candidatos e candidatas” ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio “para consolidar as alcaldías que temos, gañar outras novas e manter a Deputación de Lugo”. Así o subliñou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, durante o Comité Provincial, o máximo órgano entre congresos, celebrado este venres.

“Saímos a gañar as eleccións cuns candidatos e candidatas que teñen un fondo coñecemento do seu concello, preparación, un proxecto de futuro e o máximo compromiso cos seus veciños e veciñas”, un perfil que demostra “a fortaleza, o dinamismo, o traballo e a capacidade de ilusionar do PSdeG”, subliñou o Secretario Xeral. "Síntome moi orgulloso das nosas candidaturas, que son o resultado do traballo día a día da nosa militancia. A calidade das listas é unha radiografía do que representa hoxe o PSdeG na provincia de Lugo", incidiu.

No Comité Provincial celebrado hoxe quedaron validados 62 candidatos e candidatas, e o partido segue traballando para validar nos próximos días as candidaturas de Carballedo, Friol, Muras, Paradela e Xove, algunhas delas a punto de pecharse, acadando así os 67 concellos da provincia.

Claras oportunidades e novas expectativas en moitos concellos

“Somos moitos e seremos máis”, recalcou o líder dos socialistas, incidindo en que o Partido Socialista conta hoxe con 27 alcaldías e forma parte doutros catro gobernos locais, o que supón 31 concellos que aglutinan “á maioría social” da provincia, ao representar o 65% da poboación, ademais de gobernar na Deputación de Lugo.

Dende este “bo punto de partida”, cos candidatos e candidatas que presenta ás eleccións “estamos en condicións de renovar as alcaldías que temos, mellorando os resultados nalgúns casos”.

Así mesmo, asegurou José Tomé, “temos clarísimas posibilidades de alcanzar outras novas alcaldías, en concellos como Antas de Ulla, Taboada ou Abadín, nos que quedamos a un puñado de votos na última cita electoral; e abrimos novas expectativas en moitos outros municipios”.

Renovación

Os socialistas renovan en torno ao 30% dos alcaldables, con estrea, entre outros, de candidatos en municipios como Burela, Palas de Rei, Monterroso, Castro de Rei, Cervo, Cospeito, Portomarín, Samos, Pantón ou A Pobra do Brollón, xa presentados publicamente; así como en Sarria, Chantada, Riotorto, O Páramo, Baleira ou Becerreá, que o partido dará a coñecer en público nas vindeiras datas.

Froito do seu dinamismo e capacidade de ilusionar, o PSdeG incorpora a xente moi nova, cunha alta cualificación e gran proxección, como é Alba Sinde (con 22 anos e estudante de Ciencias Políticas) por Castro de Rei; Daniel Irimia (con 28 anos e investigador, escritor e poeta) por Cospeito; ou Ana Corredoira (con 32 anos, bióloga e á fronte dunha granxa de produción de leite en ecolóxico), por Palas de Rei. Uns alcaldables que se suman a candidatos mozos que concorren de novo a estas eleccións, como Marta Rey por Ribadeo, ou Roi Rigueira por Taboada; e alcaldes e alcaldesas xa consolidados como Mayra García Bermúdez, en Trabada; María Loureiro, en Viveiro; ou Fran Cajoto, en Foz.

O partido con máis mulleres

Ademais, como expresión dos logros e da continua loita do Partido Socialista en materia de igualdade, nestas eleccións convértese na formación política pola que se presenta un maior número de mulleres, cunha vintena de candidatas, o dobre que no caso do PP. Entre elas, están Lara Méndez, por Lugo; Elba Veleiro, por Vilalba; Carmela López, por Burela; Pilar García Porto, por Antas de Ulla; Ana Corredoira, por Palas de Rei; Alba Sinde, por Castro de Rei; María Loureiro, por Viveiro; Rocío López, por Lourenzá; Mayra García Bermúdez, por Trabada; María Luján Ramos Ben, por Cervo; Marta García Rey, por Ribadeo; Marisol Morandeira, por Guitiriz; Laura Celeiro, por O Incio; Carmen Veiga, por Barreiros; Susana Ferreiro, por Begonte; Carmen Macía, por Bóveda; Esperanza González, por Mondoñedo; ou Carmen Acacio, por Outeiro de Rei.

O líder dos socialistas na provincia subliñou que o PSdeG “é o único partido que ten un proxecto para cada concello e un proxecto global para a provincia, centrado nas persoas, na defensa dos servizos públicos, na promoción da economía e na defensa do rural”.

Fronte a estes valores e capacidades, asegurou José Tomé, “temos a un PP roto e sen ideas, que intenta vivir das aparencias, pero é un cascarón oco. Saíron divididos do congreso. Elixiron presidenta, pero tardaron dúas semanas en elixir Executiva, e ó cabo dun mes, Feijóo obrigou a Candia a nomear a Balseiro portavoz e coordinador provincial”. A mellor proba de que “están rotos e sen ideas é que tiveron que presentar en Lugo a unha candidata de Mondoñedo que non queren nin os seus, e noutros concellos practican o transfuguismo e compran vontades”.

0.077747106552124