O Rally San Froilán pasará este sábado polo tramo de Goián, en Sarria
Con motivo do Rally San Froilán que pasará por Sarria este sábado, 19 de outubro, concretamente polo mítico tramo de Goián, varias estradas estarán cortadas, pero estarán habilitadas vías alternativas.
O reagrupamento do Rally será na rúa Liberdade, concretamente no Boulevard, a partir das 16.00 horas. Ademais, na rúa Matías López reservaranse aparcadoiros para os equipos antes de acceder ao parque de reagrupamento.
Desde o Concello de Sarria din que é "unha ocasión perfecta para ver de preto todos os equipos participantes, polo que animan a toda a veciñanza a que acudan tanto ao tramo de Goián como á zona de reagrupamento; así como rogan precaución e obedecer en todo momento tanto á organización como ás forzas de seguridade para vivir o Rally coa maior seguridade posible", explican.
Ademais, desexan tamén "o maior dos éxitos aos equipos locais que participan nesta proba", conclúen.