O retorno de Gregorio

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Casa dos Marios, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
16 Feb 2021

Por Moncho Paz

En xuño de 1977, en plena campaña para as eleccións xerais, as rúas de Vilalba estaban cheas de propaganda dos partidos políticos que concorrían ao proceso, entre eles Alianza Popular (AP), fundado por Manuel Fraga Iribarne, que fora ministro durante a ditadura e representaba ao franquismo sociolóxico. Lembro que os seus seguidores empapelaran as paredes do vello edificio municipal con cartaces que pedían o voto para o líder da dereita, co chamativo slogan “Fraga conviene”.

Foron uns comicios de carácter histórico, pois constituíron as primeiras eleccións libres que se celebraban dende a Segunda República, concretamente dende febreiro de 1936. A lista máis votada ao Congreso dos Deputados foi a encabezada por Adolfo Suárez (UCD), con 165 escanos, seguida do PSOE de Felipe González, con 118 representantes. O PCE -con Santiago Carrillo- e AP -con Fraga- non conseguiron acadar as súas expectativas, obtendo 20 e 16 deputados, respectivamente. Os cidadáns identificáronos co pasado, e a sociedade do momento quería “pasar páxina” tras corenta anos do escurantismo que supuxo a ditadura de Franco. De feito, trece dos dezaseis deputados populares foran ministros nos gabinetes franquistas. Agás o Partido Socialista Popular (PSP) de Enrique Tierno Galván, con seis escanos, o resto do hemiciclo quedou integrado por forzas de corte nacionalista e rexionalista.

Naquel tempo, Vilalba era parada obrigada para viaxantes e viaxeiros. Un venres pola tarde apareceu pola Casa dos Marios un home alto e de porte elegante, xa entrado en anos. Vestía un traxe gris claro e unha garabata vermella. Achegouse ao mostrador do café-bar e preguntoulle ao Chavito polo dono do ultramarinos da rúa Xardíns, o meu avó Mario Xosé, a quen coñecera na década de 1930. De seguido presentouse: “Chámome Gregorio Sanz García, eu exercía de mestre en Ribadeo e cando pasaba por Vilalba adoitaba parar na súa tenda a mercar queixos, chourizos e outras viandas para agasallar aos meus parentes”. O meu pai identificouse como un dos fillos de Mario Xosé e díxolle que este morrera en 1960, magoado polo pasamento da súa dona -que finara o ano anterior- e que a vella tenda xa non existía, que agora era un negocio familiar de maior dimensión.

Gregorio contoulle que se establecera en Ribadeo en 1932, tras aprobar as oposicións de Maxisterio, encargándose do nivel preparatorio do instituto de ensino medio da localidade mariñán, onde contribuíu a diversas iniciativas culturais e didácticas. Alí fundou a Biblioteca Popular Circulante, impartiu diversas conferencias e interveu en actos políticos na defensa da escola pública. Participou en varios mitins da Fronte Popular na campaña electoral das eleccións de febreiro de 1936. Co golpe de estado do 18 de xullo foi detido en Ribadeo e despois trasladárono ao cárcere de Lugo. Gregorio lembrou os malos momentos daquel anguriante traxecto: “O recibimento que nos fixeron en Vilalba foi espantoso. O de Mondoñedo resultou un xogo de menos comparado co que tivemos que escoitar aquí. Os mesmos berros (Asasinos!! Traidores!! Vendidos a Rusia!! Herexes!!) repetíanse unha e outra vez. Era una afervoada turba de energúmenos que ameazaba desaforadamente. Entre eles atopábase o tristemente famoso Barbas -tenente de carabineiros, ao que coñeciamos porque estivera destinado en Ribadeo- que axitaba os brazos e xesticulaba coma un poseso (Ao paredón!! Ao paredón!! E eu o primeiro para mandar o pelotón!!). Unha tolemia multitudinaria”.

O mestre Gregorio Sanz foi xulgado en Lugo por auxilio á rebelión e condenado a vinte anos de prisión. Quedou libre en 1941, tras cinco anos de cadea. A inhabilitación para o exercicio público obrigouno a dedicarse ao ensino privado ate 1959, ano no que reingresou no Maxisterio oficial, pasando a exercer en Vigo ate a súa xubilación en xaneiro de 1970. Retirouse logo a Ribadeo, dando nome nesta localidade ao CEIP Gregorio Sanz, nunha emotiva homenaxe que recibiu en 1994, tres anos antes do seu pasamento.

Gregorio sufriu o cárcere por defender as reformas da Segunda República, que tiñan como obxectivo mellorar a calidade do sistema educativo e dignificar as tarefas docentes dos mestres: coeducación, ensino laico, proxectos de modernización pedagóxica, creación dos comedores escolares, bibliotecas nos centros e incremento do número de escolas. A Constitución de 1931 proclamaba que España era un país aconfesional e que a escola sería laica, co que se pretendía arrebatar á Igrexa a hexemonía no sistema educativo, limitando así a súa capacidade de influencia social. Como moitos outros profesores, participou activamente na creación e posta en marcha do novo modelo pedagóxico.

Lembraba o Chavito que, tras unha longa conversa, Gregorio Sanz mercou varios queixos de San Simón e marchou cara a Ribadeo ao caer aquela tarde de final da primavera. E que Fraga gañara as eleccións do 15 de xuño en Vilalba, recibindo o 69,96% dos sufraxios, con 5.270 votos. Mentres o conxunto da sociedade do país demandaba cambios, en Vilalba os veciños decidiron que todo seguira igual. Unha situación que non mudaría ata 2019, coa chegada da socialista Elba Veleiro á alcaldía da capital da Terra Chá.

0.088186025619507