O Ribela Love and Nature volverá a Sarria os vindeiros 26 e 27 de xullo
O Festival Ribela Love and Nature de Sarria desenvolverase este verán os días 26 e 27 de xullo, no que a música, a arte, a sostibilidade e a comunidade serán as claves do evento.
Desta maneira, os organizadores confirman que este ano haberá actuacións musicais de tipo underground e electrónica, “algo diferente con respecto ao ano pasado”, pero fan esta aposta para promover un evento “que non se fixo antes en Sarria”.
Así, actuarán Alicia Carrera, Bawrut, Cemento Musgo, Certain People, Eduardo de la Calle, Identified Patient, John Axiom Live Band, Jor Ginho, Promising / Youngster, R0b0t City, Scandinavian Star & oqbqbo, Sutan e Violet. Moitos deles internacionais que nunca pisaron Sarria e algúns tampouco España.
Por outra banda, nesta edición contarán cunha nova incorporación, xa que o colectivo ‘Que Facemos!?’ dirixirá a proposta de arte dixital, que incluirá instalacións artísticas, exhibicións curadas de arte, unha pantalla LED e una ambientación única a cargo de artistas internacionais e locais.
Como símbolo desta evolución, un dos artistas invitados, o Dj e artista visual canadense Som Fay, deseñou o novo logo da edición, un colibrí con todas as cores do arco da vella, creando expresivas amalgamas psicodélicas do pasado, presente e futuro a través da lente do soño lúcido e a sinestesia.
A través do logo, represéntanse a natureza e a sostibilidade, tal como explican os organizadores, xa que este ano seguirán sendo os piares do festival, no que o sábado a entrada será gratuíta e aberta ata ás 20.00 horas para todas as persoas que queiran desfrutar da arte dixital, actividades para nenos e un lenzo xigante no que todas as persoas poderán colaborar.
Ademais, outra das novidades da edición é que o cámping será gratuíto para todas as persoas que merquen a entrada do festival, así como seguirá en marcha a iniciativa de cambiar os residuos por diñeiro, para promover a sostibilidade.