O Ribela Love & Nature confirma os primeiros nomes da súa V edición en Sarria

SarriaXa
Or:la, Pariah, Phantom Circuits, Call Super e outros artistas internacionais actuarán os 21 e 22 de agosto de 2026
Ribela-Love-Nature-2025
11 Feb 2026

O Festival Ribela Love & Nature de Sarria, que celebrará a súa quinta edición os días 21 e 22 de agosto de 2026, vén de anunciar os primeiros artistas e grupos que formarán parte do cartel. A organización destaca que esta nova entrega nace da idea de que a música é capaz de conectar dous territorios invisibles: o mundo interior que cada persoa leva consigo e o mundo exterior que habita e respira.

Segundo explican, esta V edición sitúase xusto nese punto de encontro entre introspección e expansión, empregando a música como ponte entre o que se sente e o que se vive. Os artistas seleccionados, subliñan, non forman parte do programa por azar, senón porque a súa proposta sonora transita ese limiar entre o íntimo e o colectivo. Algúns conducirán o público cara a unha viaxe interior, mentres outros convidarán a expandirse cara a fóra a través do movemento e a enerxía compartida.

A primeira confirmación é Or:la, produtora e DJ de Derry, cuxo son se move entre melodía, ritmo e textura, guiado máis polas emocións e o estado de ánimo que polas etiquetas de xénero. A través dos seus lanzamentos, selos e eventos, foi construíndo un universo propio que celebra a diversidade, a experimentación e a conexión emocional na pista de baile. As súas sesións, sinala a organización, encaixan coa filosofía desta edición ao ofrecer experiencias vivas, imprevisibles e fondamente humanas.

Ao cartel súmase tamén Pariah, produtor e DJ británico que desenvolve un traballo que supera as fronteiras estilísticas para situarse nun territorio de techno físico e cargado de emoción. As súas creacións caracterízanse por unha tensión que medra de forma progresiva, pola improvisación e por un impulso constante orientado a activar e manter a enerxía da pista.

Outro dos nomes destacados é Phantom Circuits, proxecto compartido por .VRIL e Wata Igarashi. No caso de Igarashi, a súa proposta parte dunha atención minuciosa aos detalles, buscando a forza e a beleza que xorden cando cada elemento ocupa o lugar preciso. Pola súa banda, .VRIL defínese pola liberdade creativa coa que explora os límites da música electrónica, reimaxinando continuamente as súas posibilidades e describindo as súas composicións como “reflexións sónicas do subconsciente”, unha mostra da súa visión artística singular.

Completa esta primeira tanda de confirmacións Call Super, DJ, produtor e artista multidisciplinar recoñecido polo seu son texturizado, o seu criterio curatorial e o seu compromiso coa música como ferramenta narrativa. Figura clave no renovado interese polo mellor techno e house británico de comezos dos anos 2000, parte do legado dos pioneiros expansivos de Detroit para reinterpretalo cun enfoque propio e enigmático.

A organización tamén anunciou a presenza de Catarina Silva, Gala, Legowelt e Zorlok Compressor, que completan este primeiro avance dun cartel que continuará medrando nas vindeiras semanas.

⚙ Configurar cookies
0.07404088973999