O Ribela Love Nature pecha cartel con artistas vangardistas e talento local

SarriaXa
O festival, que se celebrará os días 22 e 23 de agosto en Sarria, aposta por unha programación que mestura tradición, experimentación sonora e creatividade de proximidade
Ribela-Love-and-Nature-Sarria
2 Jun 2025

O festival Ribela Love Nature, que terá lugar os vindeiros 22 e 23 de agosto no concello de Sarria, vén de confirmar os últimos nomes que completan o cartel da edición 2025. A organización destaca que esta última incorporación de artistas representa con fidelidade “a raíz cultural do festival e o talento que nos rodea”.

Entre as propostas máis destacadas atópanse a harpista Angélica Salvi e o proxecto I ERROR, liderado polo multiinstrumentista Samuel Martins Coelho. Ambos achegarán ao escenario sarrián unha mirada vangardista e innovadora, cunha linguaxe sonora que explora o límite entre a tradición e a experimentación.

O festival tamén reivindica a forza creativa do ámbito local coa participación de Jor Ginhho e Javier LG, dous artistas que forman parte activa do tecido musical da contorna. A súa presenza serve para reforzar o vínculo do evento coa comunidade e co territorio que o acolle.

Desde a organización salientan que o obxectivo desta programación é “converter o espazo natural de Ribela nun auténtico refuxio sonoro para as amantes da música electrónica máis arriscada”, nunha experiencia que une paisaxe, cultura e innovación.

⚙ Configurar cookies
0.07258415222168