O Ribela Love Nature regresa a Sarria cun cartel internacional e identidade local

SarriaXa
O festival celebrará a súa terceira edición os días 22 e 23 de agosto con artistas de referencia e propostas culturais paralelas
presentacion-Ribela-Love-Nature-Sarria-2025
20 Aug 2025

O Ribela Love Nature, o festival de música electrónica que aposta pola combinación de vangarda e tradición, celebrará a súa terceira edición os vindeiros venres 22 e sábado 23 de agosto no concello de Sarria.

A presentación do evento contou coa participación do concelleiro de Cultura de Sarria, César No, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta, Carmen José López, xunto a membros da Asociación Cultural Ribela, organizadora da cita, e representantes doutras entidades colaboradoras.

Nesta ocasión, o festival ofrecerá un cartel innovador no que se mesturan figuras internacionais e artistas galegos, cunha programación que inclúe nomes como Identified Patient, RONI, Pangaea, Croatian Amor, Alba Franch, Angélica Salvi, Aiken, Architectural ou o DJ sarriao Jor Ginho.

A programación arrincará o venres 22 ás 17.00 horas cun encontro no lugar de Manán titulado “Fíos que unen: un encontro intercultural”, que incluirá un concerto acústico de Samuel Martins Coelho e charlas con representantes de diferentes asociacións culturais de Sarria. As portas do recinto principal abriranse ese mesmo día ás 21.00 horas, mentres que o sábado o farán ás 20.30 horas.

Os organizadores destacan que o Ribela Love Nature busca consolidarse como un espazo de liberdade, sostibilidade e experimentación cultural, cunha proposta que pretende situar a Galicia como un punto de referencia no circuíto europeo da música electrónica alternativa.

⚙ Configurar cookies
0.1351261138916