O SAT de Sarria atendeu a máis de 100 nenos e nenas da comarca de Sarria durante o ano 2023
O servizo de atención temperá (SAT) de Sarria atendeu a 115 nenos e nenas de toda a comarca sarriá durante o ano 2023, segundo os datos da Concellería de Igualdade, Servizos Sociais, Emprego e Emprendemento e Saúde de Sarria.
Isabel Vergara, a edil a cargo desta área, fai así un balance positivo do servizo, aínda que a sociedade sarriá demanda profesionais de pediatría ao non cubrirse unha das prazas que había no centro de saúde e máis especialidades.
O equipo do SAT traballa no centro educativo La Asunción e está composto por profesionais das disciplinas de psicoloxía, pedagoxía, maxisterio e logopedia, que se encargan das tarefas de diagnose e valoración, apoio ao desenvolvemento psicomotor, cognitivo, linguaxe e comunicación, autonomía persoal e área social e afectiva.
Ademais, estes profesionais tamén teñen o papel de sensibilizar na contorna da comarca en canto a comprender estes casos concretos de nenos e nenas con necesidades e evitar os prexuízos que hai arredor.