O Sergas realizou 331 transplantes en 2023

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Servizo Galego de Saúde acadou no pasado ano a cifra de 331 transplantes nos seus hospitais.
taxas doazon organos
21 Xan 2024

O Servizo Galego de Saúde acadou no pasado ano a cifra de 331 transplantes nos seus hospitais. Sendo 168 de ril, dos que 24 procedían de doantes vivos; 88 de fígado; 4 de páncreas; 22 de corazón e 49 de pulmón. Ademais, dende a realización do primeiro transplante, no ano 1981, ata o remate do 2023, en Galicia lévanse realizado un total de 9.548 transplantes de órganos.

Todos estes datos foron presentados en rolda de prensa, na que estiveron presentes o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, e a coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas Caamaño.

Doantes de órganos

O número de doantes de órganos cadáver en Galicia sitúase en 109 (61 na provincia da Coruña, 8 na de Lugo, 19 na de Ourense e 21 na de Pontevedra); datos que supoñen que haxa unha taxa de 40,5 de doantes por cada millón de habitantes, superando en medio punto as recomendacións da ONT (Organización Nacional de Transplantes).

No que se refire á causa da morte dos doantes, os factores principais foron os accidentes cerebro vasculares, co 53%, seguido de encefalopatía anóxica cun 15%, e dos traumatismos craneoencefálicos por accidente non de tráfico, cun 10%, mentres que de accidentes de tráfico foi o 6%, correspondendo un 17% a outras causas. No que respecta á idade media dos doantes, foi de 60,6 anos.

Dende o inicio do programa de transplantes en Galicia ata o final do 2023, en Galicia rexistráronse máis de 3.400 doantes de órganos.

Na actualidade, os pacientes en espera para transplante son un total de 216, a metade que hai 10 anos (ano 2013), que eran 425.

Negativas familiares

Un dato a salientar é a baixada da resposta negativa de familiares no 2023, que foi do 15,5%, tres puntos menos que no exercicio anterior, o que ratifica a consolidación da tendencia descendente das mesmas nos últimos anos. Por outra banda, cómpre destacar que, na actualidade, en Galicia hai 124.285 persoas que posúen a tarxeta de doador de órganos. Destas, 2.612 son novas tarxetas rexistradas ao longo do 2023 pola Coordinación de Transplantes de Galicia de ADOS.

No que respecta á doazón de medula ósea, Galicia rexistrou 870 novos doantes ao longo do ano 2023. Desta forma, contamos con 14.393 doantes activos no REDMO (Rexistro de Doantes de Medula Ósea). Sendo de salientar que se realizaron 15 doazóns activas, sete máis que no ano anterior.

Accións educativas

Así mesmo, lembrar que a Coordinación de Transplantes de Galicia efectuou 137 charlas no curso académico 2022-2023, para fomentar a doazón, e nas que participaron máis de 6.400 alumnos e alumnas de centros educativos de toda Galicia.

Ademais, convocouse no pasado curso escolar o VIII Concurso Universitario de curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea; o V Concurso escolar de carteis relacionados coa doazón e os transplantes de órganos para estudantes de 5º e 6º de primaria e 1º, 2ºe 3º da ESO; e o IX Concurso de curtametraxes para escolares relacionados coa doazón e os transplantes de órganos, dirixido ao alumnado de bacharelato e ciclos formativos de grao básico, medio e superior.

Accións formativas

A Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS continuou a desenvolver, durante 2023, o programa de formación especializado en doazón e transplantes de órganos para os profesionais do sistema público de saúde de Galicia, no que se levaron a cabo nove cursos sobre procesos de doazón e transplantes, que foron realizados por máis 3.000 profesionais sanitarios.

O Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) queren facer un recoñecemento público a doantes e familiares pola xenerosidade e valentía que amosan neses momentos tan difíciles. Tamén queren agradecer a toda a sociedade e aos profesionais dos hospitais galegos, xa que son eles os artífices de que as cifras de transplantes continúen aumentando en Galicia.

0.16813707351685