O Servizo de Atención Temperá de Sarria inaugura unha nova sede máis ampla e luminosa

O servizo de atención temperá (SAT) da comarca de Sarria inaugurou as súas novas instalacións, situadas nun local na Avenida de Becerreá. Esta nova sede, caracterizada por espazos amplos e ben iluminados, comezou a funcionar desde febreiro e supón un avance importante para mellorar a atención que ofrecen aos nenos e nenas de 0 a 6 anos e ás súas familias.
Nun encontro promovido polo Concello de Sarria, que xestiona a subvención da Xunta e coordina o servizo, participaron representantes dos sete concellos aos que o SAT presta atención. O obxectivo foi dar a coñecer en persoa as novas instalacións e os recursos dispoñibles, así como poñer en valor o traballo que realiza o equipo profesional que atende aos pequenos usuarios.
Cristina López Moscoso, coordinadora do SAT, xunto ao equipo multidisciplinar formado por logopedas, psicólogos, psicopedagogos e mestres, amosou as novas dependencias e explicou os recursos e metodoloxías empregadas para garantir unha atención temperá de calidade e totalmente gratuíta. Ademais, desde a entidade están á espera do trámite dun contrato para que se sume ao equipo un terapeuta ocupacional.
As novas instalacións, que contan con luz natural, algo que valoran moito, inclúen tres salas que corresponden para o ámbito da psicoloxía, a psicopedagoxía e a logopedia, que “son pequenas e, polo tanto, ideais, para o traballo cos nenos, xa que contan con pouco estímulo e son brancas, reducindo o elemento distractor”, explica Cristina.
Outra sala está dedicada ao ámbito da psicomotricidade e da sensorialidade na que traballa un dos mestres e na que traballará o terapeuta ocupacional. “Conta con diversos xogos para os nenos, como un bambán, que lles axuda a algúns nenos a autorregularse. É dicir, é unha sala pensada para o xogo, pero tamén como unha forma terapéutica para promover o benestar dos nenos a través desa forma lúdica”, comenta a coordinadora.
Tamén hai unha sala onde traballan conxuntamente os profesionais cando non están en sesión cos nenos. “Traballamos conxuntamente para falar das nosas intervencións, e así nos enriquecemos todos co traballo dos demais, sempre en beneficio do neno ou nena”. E, finalmente, hai unha sala que se dedicará para as xuntanzas coas familias, sendo unha sala ampla e polivalente.
Como parte das actividades complementarias, o SAT planea organizar xornadas formativas centradas en cuestións como as condutas disruptivas e a implementación de normas e límites na crianza. “No mes de abril, polo día do TEA, fixemos unha xornada dirixida a educadores infantís e a nosa pretensión é facer algún grupo de familias para tratar temas de interese”, comenta Cristina.
Actualmente, o servizo está a atender arredor de 80 menores con dificultades no desenvolvemento ou risco de padecelas, derivados principalmente de Pediatría. Entre os casos atendidos destacan aqueles con problemas de linguaxe, trastornos do espectro autista ou enfermidades pouco habituais, ademais de afrontar retos actuais como o impacto do uso das pantallas na crianza.