O Servizo de Atención Temperá xa conta cunha terapeuta ocupacional

SarriaXa
O SAT poderá ofrecer unha atención máis completa e especializada, fortalecendo o apoio ás familias
Sat-Sarria
18 Jan 2025

O Servizo de Atención Temperá (SAT) da comarca de Sarria vén de ampliar o seu equipo cunha nova incorporación, unha terapeuta ocupacional que contribuirá a mellorar a atención que reciben os menores de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos ou estean nunha situación de vulnerabilidade. Este servizo fundamental atópase na avenida de Becerreá número 22 e presta cobertura aos sete concellos da comarca.

O SAT, comprometido co benestar das familias e os menores, solicitou nunha ocasión previa unha subvención á Xunta de Galicia para incorporar esta figura profesional. Aínda que a axuda foi concedida, o financiamento non cubría o total das horas solicitadas. Para resolver esta situación, os Gobernos locais da comarca reuníronse no salón de plenos do Concello de Sarria e alcanzaron o acordo de asumir entre todos o custo das 536 horas que quedaban fóra da subvención.

Grazas a este esforzo conxunto, o SAT poderá ofrecer unha atención máis completa e especializada, fortalecendo o apoio ás familias e garantindo unha intervención temperá de calidade para os menores da comarca.

O Servizo de Atención Temperá presta servizo en horario de luns a xoves de 08.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas; mentres que os venres haberá só horario de 08.30 a 12.30 horas.

As familias que necesiten dispoñer deste servizo, poderán ser atendidas nas dependencias do colexio Nuestra Señora de la Asunción, en Sarria, onde haberá un mestre psicomotricista, unha logopeda e unha psicóloga especializados en desenvolvemento infantil con formación específica.

 

 

0.16001582145691