O SLG asegura que o SAF está a piques de colapsar e que hai desatención aos maiores

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
As mulleres asumen case a totalidade dos coidados das persoas dependentes, sobrecarga que se complica no medio rural.
maiores alzheimer
9 Feb 2024

As mulleres asumen case a totalidade dos coidados das persoas dependentes, sobrecarga que se complica no medio rural. Máis do 30% das persoas que abandonan as listas de agarda é por falecemento.

A responsable da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), María Ferreiro; a vogal do SLG-CCLL no Consello Galego de Benestar Social, Margarida Prieto e a gandeira afiliada do SLG-CCLL en Abadín Henar Román denunciaron a situación límite na que se atopan as persoas dependentes e as súas coidadoras na Galicia, ao tempo que presentaron propostas para reconstruír os servizos de dependencia no medio rural.

Dende o Sindicato Labrego solicitan ao novo goberno galego que poña a vida no centro, comezando polo establecemento de políticas públicas axeitadas e a activación de orzamentos" que poñan solucións reais ás graves deficiencias que temos en Galicia na aplicación da Lei de Dependencia, prestando especial atención en reverter a privatización e na atención ás persoas que habitan no noso medio rural".

María Ferreiro subliñou que as grandes prexudicadas polo abandono institucional en materia de dependencia son as mulleres. Firma que son o 84,8% das persoas coidadoras, maiormente sen apoio institucional, o que provoca que desatendan a súa propia saúde e que, chegados os seus últimos anos de vida, estean nunha situación de importante vulnerabilidade. “Segundo un estudo do Consello Galego das Mulleres -abondou Ferreiro-, a pensión media das mulleres é de 687,23€, fronte aos 1.030,14 dos homes. É dicir, unha vez xubiladas cobramos 342 euros menos cada mes. Isto débese en grande medida a que pasamos anos coidando sen percibir un salario, ou que optamos por traballos por horas ou a media xornada que nos permitan compatibilizar”.

A vogal do SLG-CCLL no Consello Galego de Benestar Social, Margarida Prieto, lembrou que as persoas ás que se lles concede a axuda de dependencia en  Galicia teñen un tempo medio de agarda dun ano até que se lle concede o servizo. Nalgúns casos moito máis. Como exemplificou a afiliada do SLG-CCLL Henar Román ao explicar a súa experiencia como coidadora, en numerosas ocasións as persoas solicitantes morren agardando polo servizo. Segundo datos da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, máis do 30% das que abandonan as listas é por falecemento; no ano 2021 foron 500 persoas.

"Ben seguro debido a este deficiente funcionamento, somos a comunidade do Estado que menos solicitudes ten por persoas potencialmente dependentes: Con 2.690.464 de habitantes temos 485.558 dependentes potenciais e so hai 83.723 solicitudes rexistradas, un 17% das que deberían solicitalo”, concretou Margarida Prieto. “O meu pai morreu agardando polo servizo de dependencia, agora está agardando a miña nai, igual agardan a que morra tamén... E eu, que a día de hoxe debería solicitar a axuda da dependencia para min mesma, non a solicitei ao considerar que é practicamente imposible que ma concedan”, confirma Henar Román. Así as cousas, afirman que a Xunta de Galicia acumula condenas por reclamacións de atrasos e condenas en costas, que inda por riba son pagadas pola propia cidadanía prexudicada.

"A administración galega só inverte 4.856,6 euros por persoa dependente, moi lonxe dos 6.131,6 euros da media estatal, un 20,8% menos. Tampouco as galegas e galegos estamos en igualdade de condicións no tocante á inversión pública por habitante, que o goberno galego limita a 43,8 €/habitante, un 26,8% menos se temos en conta a media estatal de 119,4euros", explican.

"Para maquillar esta situación, de cando en cando a Xunta realiza anuncios que, na realidade, non só non aporta os beneficios publicitados, senón que mesmo empeoran a situación das persoas dependentes. A finais do 2023 modificou o Procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos competentes. Lonxe de aliviar a situación, esta modificación restaura o silencio administrativo negativo do artigo 18 do Decreto 15/2010 no caso do PIA -que foi anulado nos tribunais en varias sentenzas-, e supón un novo recorte de facto nas prestacións, que se acumula aos atrasos e priva ás persoas dependentes e ás súas familias da posibilidade de reclamar", engaden.

De igual xeito acontece co Bono coidado universal de 5.000 euros, "anunciado como unha nova medida cando simplemente se trata da axuda a persoa coidadora familiar xa existente, que se ben é certo se incrementou minimamente, non na contía necesaria, e deixa fora o 64% dos dependentes".

Sobre o Servizo de Asistencia no Fogar (SAF), integrado por mulleres na súa inmensa maioría, como teñen denunciado en reiteradas situacións, as mulleres desenvolven un traballo tan sensíbel como é o dos coidados nunha situación totalmente precaria.

En Galicia son atendidas polo SAF 25.540 persoas. Actualmente está xestionado polos concellos, que advirten que "está ao borde do colapso". Ademais, dado que os recursos cos que conta cada municipio son distintos, a calidade do servizo varía en función do concello. "Malia que as persoas usuarias van ver incrementada a intensidade do servizo polas modificación do mes de xullo do Estado e as adaptacións normativas da Xunta, a administración galega non incrementou o financiamento do SAF, que se sitúa en 12 euros/hora, e que segundo denuncian os concellos no propio ditame emitido pola FEGAM na tramitación de última orde da Xunta, a curto prazo vai ser inviable. A día de hoxe a hora debería estar pagándose por riba dos 20€; nalgúns territorios do Estado xa se remunera a 25€ e 27€", din.

"E se es dependente e non te poden coidar na casa, cal é a opción? Que te internen nunha residencia, a miúdo a quilómetros do teu entorno e da túa xente, sendo moitas veces unha decisión que non queren nin as persoas dependentes ni as coidadoras. Ademais, malia que o Goberno galego é perfectamente consciente de que na Galiza hai arestora 700.000 persoas por riba dos 65 anos, no noso territorio só hai 22.865 prazas en residencias, das cales o 75% son privadas. E, como puidemos comprobar ca xestión da crise sociosanitaria da COVID-19, a diferencia entre estar nunha institución de coidados pública ou privada non só se limita ao prezo que se paga por este servizo -que é unha diferencia moi grande-, senón tamén á calidade do mesmo", reclaman.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15053105354309