O SLG estuda actuar contra os concellos que prohibiron os mercados
A equipa xurídica do SLG estuda iniciar accións legais para aclarar se as prohibicións de mercados labregos que se decretaron en ducias de concellos galegos coa escusa da covid-19 se axustan a dereito. Nun escrito que se rexistrará concello a concello, reclámase dos gobernos municipais que informen sobre o instrumento legal utilizado para a adopción da medida de peche do seu mercado, así como onde e cando foi publicado. “Dende o punto de vista formal, non temos constancia de cal foi o instrumento xurídico (decreto, acordo plenario, acordo da xunta de goberno) por medio do cal foi adoptada a medida de prohibición de cada mercado. Ademais dunha cuestión de legalidade, trátase dunha cuestión de transparencia. En todo caso, precisamos coñecer a motivación concreta da decisión adoptada, así como os instrumentos legais nos que se concretou para valorar debidamente a adopción das medidas legais que poidamos adoptar ao respecto”, din.
A maiores, insístese na reapertura inmediata dos mercados de alimentos ao aire libre, xa que “se trata dunha actividade esencial (así o consideraron tódalas autoridades das administracións públicas durante os momentos en que foi necesario adoptar as medidas máis restritivas), de maneira que a venda nos mercados debe manterse en todo caso cando se trata de mercados de alimentos, e a parte de alimentación como mínimo cando se trata de feiras mixtas; máis, en todo caso, considerando que se trata sempre de mercados ao aire libre, son máis seguros que a venda que se realiza en calquera establecemento pechado”.
No escrito que se vai presentar, recórdaselles aos concellos que a Consellería de Sanidade publicaba no Diario Oficial de Galicia 212-bis, con data 21 de outubro de 2020, unha orde na que establecía as medidas de prevención específicas diante da Covid-19. O apartado 3.6 desa orde establecía que no caso dos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria, coñecidos como feiras, non poderán superar o cincuenta por cento dos postos habituais ou autorizados, limitando a afluencia de clientes de maneira que se asegure o mantemento da distancia de seguridade interpersoal. Ademais, os concellos poderán aumentar a superficie habilitada ou habilitar novos días para o exercicio desta actividade para compensar esta limitación.
Á hora de determinar os comerciantes que poden exercer a súa actividade, o concello poderá dar prioridade a aqueles que comercializan produtos alimenticios e de primeira necesidade, asegurando que os consumidores non manipulen os produtos comercializados neles.
Sanidade volvía explicitar as mesmas indicacións no apartado 3.5. dunha orde de medidas fronte á pandemia publicada no DOG do 3 de decembro de 2020 (244-bis), aínda en vigor.
"Deste xeito, a Consellería de Sanidade non só permite con carácter xeral a venda de alimentos en mercados tradicionais, senón que incluso lles dá prioridade para celebrarse. Ademais, esta orde segue en vigor, polo que “consideramos que dende o punto de vista material, a decisión de pechar o mercado non está xustificada, e entendemos que non se axusta a dereito”, subliñan.
A maiores, foi presentada unha queixa diante da Valedora do Pobo polos peches de diferentes mercados locais galegos, co obxecto de que se volvan abrir canto antes, pedíndolle a esta institución que reclame tamén a reapertura dos mercados para pór fin ao quebranto ocasionado non só nas economías labregas, senón tamén nos consumidores e consumidoras que teñen nas feiras o seu principal abasto de alimentos; así como que inste aos gobernos municipais a facilitar a información reclamada.