O SLG pide aos concellos das reservas da biosfera apoiar a moratoria aos eólicos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG- CCLL) rexistrou solicitudes nun total de 82 concellos galegos das reservas da biosfera.
macroeolicos non slg
16 Xan 2022

A raíz das indicencias rexistradas polo Sindicato Labrego Galego-Commisións Labregas (SLG-CCLL), persoas a título individual e outros colectivos galegos alertando dos potenciais impactos provocados por proxectos de instalacións de enerxías renovables nas Reservas da Biosfera, o Comité Español do Programa MaB da Unesco, vinculado ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, aprobou o pasado mes de setembro realizar a nivel de todo o Estado español un informe sobre as incidencias dos parques eólicos nas Reservas de Biosfera, así como un estudo de viabilidade das instalacións eólicas, fotovoltaicas e termo solares -incluído o seu repotenciamento-, e infraestruturas asociadas que as grandes empresas enerxéticas pretenden instalar nestes espazos protexidos.

A tenor desta decisión, a Alianza Enerxía e Territorio (Aliente), da que o SLG-CCLL e outras organizacións integrantes da RGSE forman parte a nivel de todo o Estado, vén de lanzar unha campaña a prol da moratoria científica das instalacións eólicas nas Reservas da Biosfera de toda a península.

En Galicia, xa no pasado mes de decembro a representante do SLG na Rede Galega Stop Eólicos (RGSE), Margarida Prieto Ledo, interveu durante a sesión do Órgano de Participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño para instar ao seu Órgano Xestor a solicitar unha moratoria á Administración galega e estatal á hora de emitir as declaracións de impacto ambiental sobre os proxectos industriais en tramitación dentro das Reservas de Biosfera, como mínimo até que sexan publicadas as conclusións dos citados estudos solicitados polo Comité Español do Programa MaB.

"Procurando acadar o compromiso das administracións públicas de non aceptar máis parques eólicos até que sexa realizado o informe do Comité Científico, actuamos agora a través da campaña lanzada dende Aliente rexistrando 82 solicitudes de adhesión dirixidas aos concellos galegos ubicados en territorios Reserva da Biosfera", indican.

Para a Reserva da Biosfera Terras do Miño, a solicitude de moratoria foi dirixida aos 26 concellos que a conforman: Abadín, Alfoz, A Pastoriza, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito, Friol, Guntín, Guitiriz, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, O Corgo, O Páramo, Ourol, Outeiro de Rei, O Valadouro, Pol, Rábade, Riotorto, Vilalba e Xermade.

Para a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá a solicitude foi dirixida a estes tres últimos concellos.

Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel rexistramos a solicitude de moratoria nos (23) concellos de Pobra do Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, O Incio, O Saviñao, Paradela, Pantón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Sober, Taboada, Triacastela, Teixeira, A Peroxa, Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil.

Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón fixeron chegar a solicitude de moratoria a 14 municipios distribuídos entre Lugo e Asturias; na Galiza os sete concellos de Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, A Pontenova, Ribadeo, Ribeira de Piquín e Trabada.

Tamén se fixeron as propias na Reserva Transfronteiriza Gêres-Xuré, na das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O rexistro destas peticións de adhesión será completado a través de contactos directos cos concellos, solicitando a realización de entrevistas. Ademais a solicitude de adhesión á campaña a prol da moratoria eólica será trasladada tamén nos vindeiros días aos propios órganos das Reservas, institucións e diversas asociacións (veciñais, ambientais, agrarias, empresariais, de actividades económicas, etc.) afectadas pola invasión de parques eólicos na nosa terra.

Tendo en conta tan só o número de aeroxeradores en funcionamento, sen contabilizar a totalidade dos parques nin zonas limítrofes, actualmente están instalados xa 46 muíños nas rervas coruñesas, 6 novos parques están en tramitación e 2 en fase previa. Na Reserva da Biosfera Terras do Miño hai xa 931 aeroxeneradores funcionando, 158 en tramitación e 63 en fase previa. Na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá hai 56 aeroxeradores en tramitación. Na Reserva Transfronteiriza Gêres-Xurés hai 19 aeroxeradores en funcionamento e 19 máis en tramitación. Na Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel están instalados xa 128 aeroxeradores en funcionamento e na Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón 116.

E dicir, as Reservas da Biosfera galegas xa están anegadas a día de hoxe con perto de 1.300 aeroxeradores propiedade de empresas enerxéticas, e hai varios centos máis en tramitación.

"Dende o SLG alentamos a unir forzas nesta campaña de defensa das Reservas da Biosfera para facer fronte ao espolio enerxético que a Xunta de Galicia vén fomentando nestes anos a través do favorecemento administrativo específico da instalación deste tipo de proxectos, nomeadamente empregando a polémica Lei de Fomento Empresarial (2017) e a Lei de Simplificación Administrativa (2021), popularmente coñecidas como “as leis de depredación”, din.

0.18256092071533