O SLG urxe á Xunta a valorar os danos da borrasca Kirk e activar medidas para paliar as perdas

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Afirman que a meirande parte do sector produtor de alimentos está afectado: millo deitado, patacas anegadas e pasto futuro en risco
danos-temporal-kirk
10 Oct 2024

As afeccións da borrasca Kirk no sector produtor de alimentos galego esténdense por todo o país, tal e como asegura o Sindicato Labrego Galego. Na Mariña as fabas e o millo están a maioría sen recoller; o millo tamén está estragado na zona da Terra Chá, Ordes, A Estrada, Lalín... Na comarca da Limia non se pode entrar as parcelas pa arrancar as patacas.

Esta situación viuse empeorada por mor dos cortes no subministro eléctrico en zonas como no Deza. "Nun país no que as empresas eléctricas e enerxéticas contan cun significativo apoio por parte do Goberno galego, porén cando pasan este tipo de episodios podemos comprobar que nin a calidade das infraestruturas son axeitadas nin existe quen se faga responsábel destas eivas", din.

Ademais, afirman que parte dos danos se agravaron pola mala situación dos leitos dos ríos, que están cheos de canas, broza e ás veces lixo. "Neste sentido precisamos un cambio no proceder da actuación de organismos como Augas de Galicia, xa que a día de hoxe as persoas que queren desbrozar ou retirar polas atópanse con numerosos obstáculos burocráticos, taxas e dificultades", engaden.

Ademais das perdas xa constatables no presente, o asolagamento de milleiros de hectáreas de terras de cultivo trae problemas a futuro, "por exemplo no tocante á condicionalidade e ecorreximes da PAC, xa que se non se dá entrado nos prados para recoller o millo non se vai poder iniciar o cultivo posterior correspondente", alegan.

"Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) urximos á Consellaría do Medio Rural a facer unha valoración global para determinar as perdas provocadas pola borrasca Kirk e artellar mecanismos para compensalas. Neste senso, solicitamos especificamente que se valore a declaración de zona catastrófica nas áreas afectadas", afirman.

"Ademais chamamos a atención sobre a vulnerabilidade do modelo baseado nos monocultivos e na mobilidade global da súa produción (do leite, da carne, do viño, da pataca...) que a todas luces está a naufragar en tempo real ante a mudanza climática, sendo cada vez máis habituais os episodios climatolóxicos extremos en todo o planeta", conclúen.

Afirman que a seguridade alimentaria real só pode ser garantida a través dunha planificación produtiva diversificada, obtida en base á agroecoloxía e ca soberanía alimentaria dos pobos como marco de desenvolvemento.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14932012557983