O tellado da nave do campo da feira de Sarria está a ser renovado
SarriaXa
Esta actuación, que se desenvolve no marco do contrato eléctrico, suporá un mellor funcionamento do recinto feiral
28 Jan 2025
O tellado da nave do campo da feira de Sarria está a ser renovado por parte do Concello de Sarria, uns traballos que comezaron coa retirada da cuberta actual para a súa substitución por unha nova, máis segura e especializada.
Esta actuación, que se desenvolve no marco do contrato eléctrico, suporá un mellor funcionamento do recinto feiral, permitindo que as futuras instalacións se realicen con maior seguridade e comodidade para comerciantes e visitantes.
A medida busca non só mellorar a infraestrutura do recinto feiral, senón tamén dinamizar a actividade comercial noutras áreas de Sarria durante o período de obras, que esperan rematar antes do próximo 17 de febreiro para que así o mercado poida instalarse xa na nave renovada.