O Trabada Futsal e A Lareira Os Meigallos FS disputarán a final da Copa Deputación de Lugo

SarriaXa | AMariñaXa
Os dous equipos chegan á cita do sábado en Barreiros tras unha brillante traxectoria na 2ª División Masculina de fútbol sala
balon-futbol-sala
Foto de Marina Santos
31 Oct 2025

A emoción está servida para este sábado, 1 de novembro, no Pavillón Municipal de Barreiros. O recinto acollerá ás 17:00 horas a final da 2ª División Masculina da VI Copa Deputación de Lugo de Fútbol Sala, un encontro que enfrontará ao Trabada Futsal e a A Lareira Os Meigallos FS “B”, dous conxuntos que chegan á cita en plena forma e coa ilusión de coroarse campións provinciais.

O choque suporá un fito especial para o Trabada Futsal, que alcanza por primeira vez unha final oficial desde a súa refundación no ano 2016. O club, que naceu coa vontade de consolidar o fútbol sala no concello, logrou nos últimos anos un crecemento constante en número de xogadores e estrutura deportiva. “É un soño chegar ata aquí, froito do traballo e do compromiso de todo o equipo e da afección”, apuntan desde o concello trabadense.

Pola súa banda, A Lareira Os Meigallos FS “B” chega a esta final tras unha tempada marcada pola regularidade e polo bo xogo colectivo. O equipo, pertencente a un club con ampla traxectoria no fútbol sala lucense, combina xuventude e experiencia nun bloque competitivo que fixo gala dun alto nivel durante toda a competición.

Tanto o Concello de Trabada como o de Sarria animan á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao deporte a asistir ao encontro e gozar dunha tarde de emoción e deporte local. A entrada será libre e espérase un gran ambiente nas bancadas para apoiar a ambos equipos, que representan o esforzo e a paixón polo fútbol sala en A Mariña lucense.

⚙ Configurar cookies
0.12812089920044