O tradicional desfile de Entroido de Sarria terá lugar este domingo
Este domingo 11 de febreiro ás 17.00 horas dará comezo o tradicional desfile de entroido de Sarria, coa participación de 1.400 persoas repartidas en 19 agrupacións diferentes. "Así, celebrarase unha xornada festiva na que gozar desta divertida época do ano", sosteñen desde o Concello.
Na rúa da Liberdade, entre o cruce da Avenida Portomarín co cruce da rúa Pedro Saco, haberá son moderado en atención ás persoas con hipersensibilidade acústica e á chegada á praza da Vila, haberá actuación musical e entrega de premios para os gañadores e gañadoras.
Segundo a categoría na que se participe, haberán diferentes premios. Así, con respecto aos das carrozas, haberá un primeiro premio de 800 euros, un segundo de 600 euros e un terceiro de 300 euros. Con respecto ás comparsas, os premios serán os mesmos, pero engadindo un cuarto de 150 euros.
Con respecto aos premios de fóra da comarca, estes serán de 450 euros para a primeira carroza gañadora, de 300 euros para a primeira comparsa gañadora, de 150 euros para a segunda comparsa gañadora e de 150 euros para o individual de 1 a 3 compoñentes, aínda que tamén haberá, para esta categoría, un segundo preemio de 100 euros e un terceiro de 60 euros. Mentres, na categoría de individual infantil haberá un primeiro premio de 120 euros e un segundo de 100 euros.
Por último, haberá un premio de mellor música en vivo de 200 euros e accésits, que irán para a mellor comparsa infantil, de 250 euros, un para a comparsa máis animada de máis de 50 compoñentes, de 200 euros, unha da comparsa máis animada de 4 a 50 compoñentes, de 150 euros, un para o participante máis animado, de 60 euros e, para rematar, un á mellor crítica de actualidade, de 60 euros.