O tramo da autovía Nadela-Sarria entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, sufrirá cortes de tráfico
A execución do firme na primeira fase da autovía Nadela-Sarria, entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, fará necesario habilitar cortes de tráfico a partir de comezos desta semana.
A Xunta, unha vez finalizados os traballos de movemento de terras, estruturas e drenaxe, comeza a avanzar na capa de rodaxe e na sinalización para finalizar en outono esta primeira fase das obras da autovía.
Os traballos afectarán á calzada que se desdobra e á calzada actual do corredor. Polo tanto, co fin de minimizar as molestias aos usuarios, as obras executaranse por fases, optimizando os cortes de tráfico, tanto no que a tempo se refire, coma nas zonas afectadas.
De maneira máis detallada, nunha primeira fase este mesmo luns día 26 procedeuse ao corte do tráfico no tramo comprendido entre os enlaces de A Pobra de San Xiao e Sarria norte. De forma inmediata, comezarán os traballos de rehabilitación do firme existente, así coma a eliminación de resaltes de pintura e captafaros.
El mércores 28 de septembro continuarán os traballos co estendido da capa de rodaxe sobre o firme actual. Durante esta fase, e de maneira puntual, realizaranse intervencións na calzada entre os enlaces 22 e 24, mantendo o tráfico alternativo en todo momento con sinalización provisional de obra.
Nunha segunda fase, a partir do 10 de outubro, ampliarase a zona sen tráfico ata o enlace Sarria sur para finalizar a nova capa de rodaxe sobre o corredor existente, que proseguirá nos enlaces centro e norte.
O luns 17 se prevé comezar a disposición da sinalización horizontal e o día 26 abrirase ao tráfico a autovía en sentido Lugo-Monforte.
Nunha terceira fase, o 27 de outubro, desviarase o tráfico no sentido Monforte-Lugo pola estrada LU-546, quedando como única alternativa o desvío en sentido Lugo entre os enlaces de Sarria norte e A Pobra de San Xiao.
Neste período acometerase a capa de rodaxe na calzada de desdobramento. Tamén se levará a cabo a disposición de sinalización horizontal e os acabados.
A Xunta está a destinar un orzamento de 25 millóns de euros nesta intervención nos 11,5 quilómetros que conectan A Pobra de San Xiao con Sarria centro, o tramo que rexistra maior intensidade de tráfico.
As obras supoñen a adaptación dos tres enlaces do tramo: A Pobra, Sarria norte e Sarria centro, e a ampliación dos seis pasos inferiores; así coma a instalación dun valado reforzado para evitar o acceso de fauna salvaxe.
SEGUNDA FASE
Paralelamente, o Goberno galego segue a avanzar na segunda fase da autovía, trala adxudicación da redacción do proxecto construtivo que completará o desdobramento da infraestrutura ata Lugo.
Esta segunda fase da autovía abarca 13,5 quilómetros, entre A Pobra de San Xiao e a conexión coa A-6 en Nadela.
Este traballo, adxudicado por case 270.000 euros, ponse en marcha para poder dispor xa a mediados de 2023 dun proxecto de trazado para someter a información pública.
Cabe lembrar que o Executivo autonómico investiu máis de 135 millóns de euros na construción da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, finalizada no 2015, e agora continúa co seu desdobramento.