O último pleno de Sarria deixou catro taxas propostas polo Goberno sen aprobar
Durante o último pleno do ano, Claudio Garrido, alcalde de Sarria, non conseguiu aprobar as taxas municipais conforme ao IPC que propuxera, xa que os demais partidos da oposición votaron en contra.
Así, das cinco propostas, só se aprobou unha, a da actualización das taxas da auga e a rede de sumidoiros cos votos a favor do BNG e as abstencións do PSOE e do PP. Esta proposta, ademais, tiña que facerse porque existe unha sentencia xudicial que obriga ao Concello a facelo.
A pesar de que Claudio Garrido apelou durante todo o pleno á “responsabilidade”, os tres grupos da oposición votaron en contra de actualizar a taxa pola recollida do lixo, na subida do IPC e nas tarifas da Escola de Música, as piscinas do Chanto e o matadoiro municipal.
Máis asuntos no pleno
Por outra banda, o BNG propuxo deixar o tema das taxas para elaborar novas ordenanzas, introducindo un factor de corrección social, unha medida que apoiaron tanto PP como PSOE, pero o Goberno de Camiña Sarria descartou esta medida e dixo que a actualización do IPC é obrigatoria.
Ademais, aprobouse a modificación puntual do proxecto para recualificar o asentamento industrial de San Xulián e unha moción do PP para instar ao Sepes a revisar as condicións para a segunda fase do polígono do Morelle.
Por último, tamén se aprobou unha modificación nos prezos públicos da residencia de maiores, que pasarán a ser de 1.302 euros para persoas sen dependencia e de 1.690 para persoas con dependencia. Esta medida foi aprobada co voto de calidade a favor do alcalde, que desempatou a votación.