“O Val de Lóuzara é unha zona de gran valor patrimonial para Samos, como o mosteiro e o Camiño de Santiago”

SarriaXa
Analizamos os elementos que colocan o municipio samanense no mapa patrimonial, cultural e histórico da comarca de Sarria da man de Xaime Fernández, guía de Samos
Val-de-Louzara-Samos
14 May 2025

Jessica Fernández

Coa chegada da primavera, comezaron a brotar como as flores os peregrinos que percorren diferentes municipios para chegar ao seu destino: Santiago de Compostela. Un deses municipios é Samos, con gran tradición de peregrinaxe, xa que é un dos Concellos que forman parte da Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés, sendo conexión entre Triacastela e Sarria, así como tamén posuír un elemento clave que atrae aos devotos desta ruta xacobea: a Abadía de Samos, co Mosteiro de San Xulián.

Para Xaime Fernández, historiador e guía turístico samanense, di que o elemento patrimonial “máis bonito e impresionante da comarca de Sarria é o Mosteiro. A poboación de Samos e toda a vida da capitalidade do Concello saíu deste lugar, xa que a Abadía rodea a vila de Samos, incluso temos unha ‘muralla’ esquecida que tamén forma parte do noso patrimonio. O mosteiro, ademais, é un símbolo do Camiño de Santiago, xa que acolleu peregrinos desde o ano 1020 e ségueo facendo. Alfonso II Castro, que se criou no Courel, pero recibiu a súa educación no mosteiro de Samos, foi considerado o primeiro peregrino”, sostén. Así, como di Xaime, a tradición afirma que baixo o seu reinado produciuse o descubrimento da tomba do apóstolo Santiago, polo que, no século XI, Alfonso foi considerado o primeiro peregrino e no século XX atribuíuselle a creación do camiño primitivo que parte desde Oviedo. “O camiño xira ao redor de samos e Samos sen o Mosteiro e sen o camiño non sería o mesmo”, destaca Xaime.

Por iso, sostén que “o Camiño de Santiago é importantísimo, sobre todo en Samos porque pasan dúas variantes, unha desde Triacastela pola zona de San Xil ou pola vila de Samos, “que é a que ten máis éxito porque, de paso que fas o camiño, ves o mosteiro; e iso dálle a Samos vida, produce consumo na vila e repercute positivamente no económico e tamén no cultural, sobre todo na temporada alta. O Concello de samos dáse a coñecer grazas ao Camiño de Santiago. Eu coñezo xente de Irlanda que coñece Samos porque viñeron facer o Camiño, polo que isto é un factor clave para divulgar Samos”.

Porén, non esquece outros lugares emblemáticos de Samos, como O Val de Lóuzara, xa que “ten paisaxes e zonas espectaculares, así como un gran patrimonio megalítico”, comenta, e engade outros que valora da comarca de Sarria, como A Capela do Ciprés de samos, a Igrexa do Hospital do Incio, o Mosteiro de Madalena de Sarria, a Torre da Fortaleza de Sarria, o Castro de Formigueiros de Samos, pero preto do Incio; a necrópole de Santa Mariña do Incio, o Monte Oribio entre Samos e Triacastela, Santo Estevo de Paradela e a zona do río Loio e a zona do río Neira en Láncara.

AS RUTAS E O TURISMO

A guía turístico samanense traballou na oficina de turismo de Sarria, na de Samos, estivo de voluntario no albergue de Triacastela e sobre todo traballou na Abadía de Samos. Con todas estas experiencias, puido tamén levar a cabo algunhas visitas co Concello de Samos e algunha asociación cultural, polo que se sente “moi feliz de poder achegar o coñecemento a outras persoas do que ofrece a comarca de Sarria, e sobre todo, poñer en valor o noso patrimonio”, sostén; xa que as rutas guiadas consisten en “falar da Historia do lugar, ver os puntos máis importantes da zona, contar anécdotas e intentar que sexa unha experiencia agradable, á vez que a xente se deleite e coñeza o sitio, sabendo a súa evolución. En resumo, é poñer en valor o lugar e axudar coñecer mellor a zona; é dicir, redescubrir. Por exemplo, todo o mundo pode ir ata o mosteiro, pero nunha sesión guiada descobres os claustros, a antiga portela románica do século XII, a sancristía, as pinturas murais, os seus retablos barrocos, os poetas que estiveron aí, como Ramón Cabanillas, que escribiu o seu último libro neste mosteiro... As rutas guiadas serven tamén para falar de literatura e é algo que me gustaría facer máis no futuro”, comenta.

Así, anuncia que o 10 de maio se vai inaugurar en Lóuzara unha placa conmemorativa na casa de Fiz Vergara para potenciar a ruta de Fiz Vergara Vilariño, promovida pola asociación Ergueitas de Sarria. “Este é un exemplo de revitalización desta ruta e de Lóuzara, que é un lugar cun gran potencial. Eu estarei aí presente porque me parece importante promocionar que xente descubra a nosa identidade propia”, destaca.

Por todo isto, explica que “eu estou a disposición de todos os concellos e das asociacións para facer todo tipo de actividades guiadas, xa que me gusta espallar o meu coñecemento, pero tamén nutrirme co de outros. Teño en mente facer algún proxecto sobre turismo cultural, literario e etnográfico, con rutas máis especializadas sobre a historia desta zona, resaltando o patrimonio arquitectónico e cultural da comarca de Sarria. Ao final, os guías turísticos e o sector en xeral debe mirar cara a un turismo que sexa máis respectuoso co medio natural coa identidade cultural do sitio onde estamos, que valorice a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa historia, e que sirva para apoiar, non para ser o substituto dos nosos valores tradicionais do medio natural. O turismo debe ser un complemento e unha potenciación do noso, que beneficie á poboación local; formando parte nós dela, non facer un parque temático a parte. O turismo ao que debemos ir debe formar parte da vida cotiá e debe promover o entendemento das culturas, así como fomentar o respecto pola identidade propia de cada unha delas”, subliña.

⚙ Configurar cookies
0.15245699882507