O vindeiro 11 de febreiro terá lugar o concurso e desfile de disfraces, carrozas e comparsas de Sarria
O Concello de Sarria xa está ultimando os preparativos para recibir o Entroido a través do concurso e o desfile de disfraces, carrozas e comparsas, que se celebrará o día 11 de febreiro e repartirá un total de 6.050 euros en premios.
Así, todas as persoas interesadas en apuntarse nalgunha das categorías que figuran no cartel, poden consultar as bases do concurso e descargar o formulario de inscrición na páxina web do Concello.
Para formalizar a inscrición no concurso, é preciso presentar dito formulario, correspondentemente cuberto, antes das 00.00 horas do día 7 de febreiro no Rexistro Xeral do Concello ou ben envialo por correo electrónico ao enderezo cultura@sarria.gal.
Premios
Segundo a categoría na que se participe, haberán diferentes premios. Así, con respecto aos das carrozas, haberá un primeiro premio de 800 euros, un segundo de 600 euros e un terceiro de 300 euros. Con respecto ás comparsas, os premios serán os mesmos, pero engadindo un cuarto de 150 euros.
Con respecto aos premios de fóra da comarca, estes serán de 450 euros para a primeira carroza gañadora, de 300 euros para a primeira comparsa gañadora, de 150 euros para a segunda comparsa gañadora e de 150 euros para o individual de 1 a 3 compoñentes, aínda que tamén haberá, para esta categoría, un segundo preemio de 100 euros e un terceiro de 60 euros. Mentres, na categoría de individual infantil haberá un primeiro premio de 120 euros e un segundo de 100 euros.
Por último, haberá un premio de mellor música en vivo de 200 euros e accésits, que irán para a mellor comparsa infantil, de 250 euros, un para a comparsa máis animada de máis de 50 compoñentes, de 200 euros, unha da comparsa máis animada de 4 a 50 compoñentes, de 150 euros, un para o participante máis animado, de 60 euros e, para rematar, un á mellor crítica de actualidade, de 60 euros.