O Xeodestino Comarca de Lugo-Terras da Ulloa presentouse en Fitur

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
Fórmano 10 municipios; Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade, cunha superficie total de 1410 km2 e preto de 30.000 habitantes
presentacion-xeodestino-a-ulloa
24 Jan 2025

Da man do presidente do Xeodestino Comarca de Lugo-Terras da Ulloa e alcalde de Friol, José A. Santos, presentouse en Fitur nesta xornada de venres un vídeo onde fai unha viaxe colectivo de hospitalidade, afecto, sustentabilidade e equilibrio territorial pola comarca da Ulloa. "O propósito do mesmo é dar a coñecer todo o que fai ser a este territorio un destino infinito, cun variado patrimonio natural e cultural que o diferencia doutros destinos e que se reparte polo territorio dos 10 municipios", explicou.

Trátase dun vídeo promocional que protagonizan dous actores Sergio Pazos e a Ulloíña, destacando esta última como a actriz protagonista, a cal o seu papel é o de aglutinar e divulgar o patrimonio.

Santos explicou que foron a Fitur “co obxectivo e a ilusión de seguir potenciando o noso territorio como a mellor alternativa turística posible para gozar de calquera experiencia, cun enorme potencial turístico, xa que contamos cun amplo patrimonio cultural, paisaxístico, con grandes atractivos para os amantes da natureza, con recursos naturais que nos permiten gozar da montaña, sendas, ríos ou carballeiras, e mesmo gastronómico, todo iso nun clima amable todo o ano, con moita historia e tradicións”.

"Esta pequena reprodución resume á perfección as características que teñen ambas as comarcas: un territorio traballador e produtivo, onde destaca a produción dos pementos de Mougán, no municipio de Guntín e tamén referente na elaboración de produtos tan apreciados como o pan e o queixo no concello de Friol", insistiu.

O Xeodestino Comarca de Lugo – Terras de Ulloa fórmano 10 municipios; Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade, cunha superficie total de 1410 km2 e preto de 30.000 habitantes.

O presidente destacou o interior da provincia de Lugo “como unha terra cunha esencia única, con numerosas opcións para o visitante, con recursos patrimoniais e artísticos de primeiro nivel, somos un destino turístico apetecible, con diversas alternativas que nos permiten contar cunha oferta global para todos os públicos os 365 días do ano. A mellor tarxeta de presentación que temos nun foro desta envergadura é a certeza de contar co mellor destino para gozar do turismo de máxima calidade”.

Para finalizar José A. Santos, animou a unha concorrida caseta da Xunta de Galicia de Fitur a que trasladasen e difundisen as alternativas que acababan de reproducir no devandito vídeo, e por suposto, dixo; “desexamos que nos veñades a visitar coas vosas familias e amigos e que descubrades a sorte que supón poder gozar da nosa terra”

0.14461016654968