O XII Máster de Futbolín de Sarria será os vindeiros 31 de outubro e 1 e 2 de novembro
O XII Máster de Futbolín de Sarria desenvolverase os vindeiros 31 de outubro e 1 e 2 de novembro no pavillón dos institutos da man da Asociación Sarria Futbolín e a colaboración do Concello de Sarria, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.
A Asociación, con esta nova edición, quere fomentar a participación dos xogadores e aumentar a do ano pasado, que se situou en 128 parellas na modalidade de movemento e 102 en parado.
Por iso, aumentaron a contía dos premios ata chegar aos 9.000 euros, que serán repartidos en premios diferenciados polas categorías nas que se pode participar: élite, primeira e segunda en parado que terá lugar o día 1, con premios para os oito primeiros clasificados; mentres que no feminino haberá recoñecementos para as seis mellores. Pola súa parte, en movemento haberá as mesmas categorías e premios tamén para os oito mellores. O día 31 terá lugar a fase local e a modalidade cego.
Todas as persoas interesadas en participar deste evento poderán facelo inscribíndose a través do número 637 176 984 e pagando un custo de 25 euros por xogador, aínda que o público tamén poderá xogar unha partida e desfrutar da proba.