O xornalista sarriao Manuel F. Rodríguez ofrece varias conferencias sobre o Camiño de Santiago en Xapón

O xornalista e investigador do Camiño de Santiago, Manuel F. Rodríguez, iniciou esta semana en Xapón unha serie de conferencias dedicadas ao estudo da ruta xacobea e ás súas semellanzas co Camiño de Shikoku, unha antiga peregrinación budista de case 1.300 quilómetros e 1.200 anos de historia.
A primeira intervención tivo lugar no Congreso Internacional da Asociación dos 88 Templos do Camiño de Shikoku, na cidade de Takamatsu, diante de 800 persoas entre peregrinos e monxes budistas.
As conferencias, organizadas entre o 9 e o 14 de setembro pola Asociación de Amigos do Camiño de Shikoku, inclúen tamén actos no salón de plenos do Concello de Sanuki e na Facultade de Educación da Universidade pública da prefectura de Kagawa. Durante a súa estancia, Rodríguez percorrerá etapas desta ruta histórica e visitará varios dos templos que compoñen o Camiño de Shikoku, participando tamén en actos relacionados coa súa representación na Exposición Universal de Osaka.
A colaboración entre a Asociación de Amigos do Camiño de Shikoku e diversas entidades do Camiño de Santiago en España, especialmente coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comarca de Sarria, reforza a dimensión internacional da investigación de Rodríguez. O xornalista, autor da Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago en 18 tomos e fundador de Xacopedia.com, recibiu o Premio Internacional Aymeric Picaud en 2019 pola súa labor de divulgación e investigación xacobea.