O XX Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria está sendo un éxito de participación

O XX Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria está a rexistrar un grande éxito de participación nos seus primeiros días, cunha ampla programación que reúne a recoñecidos ilusionistas internacionais en diferentes escenarios da vila.
Para este xoves, 21 de agosto, a axenda arrinca ás 12:00 horas coa gran gala infantil na Praza de Santa Mariña, a cargo de Yimis Mauler, Edu o Mago e Iván Santacruz. Pola tarde, ás 18:30 horas, celebrarase “A maxia do Camiño” na Escalinata, con Roberto Lolo, Sara Rodríguez e Edu o Mago.
Ás 19:30 horas terá lugar a gala máxica familiar na Travesía dos Soños Et Suseia, con Iago Saavedra, Román García e Pedro Aragonés, mentres que ás 21:00 horas está prevista unha sesión de maxia de preto na terraza do bar Cinza e Lume (antigo LITMAR), con Nacho Nogueira e o Mago Joel de Cuba.
A programación continuará ás 22:30 horas coa gran gala “Sarria é Maxia” en O Meigallo, protagonizada polo Mago Iago, Sara Rodríguez, Melanie e Pedro Aragonés. A xornada pecharase de madrugada, ás 00:30 horas, coa gran gala nocturna en La Unión, na que actuarán o Mago Joel de Cuba, o Mago Roger e Edu o Mago.
O festival, que xa se consolidou como unha das citas culturais máis destacadas do verán sarriano, ofrece espectáculos variados para todas as idades, convertendo as rúas e prazas da vila nun auténtico escenario de ilusión e fantasía.