Obradoiros de teatro, de chocolate e de panxoliñas protagonizan a oferta do Nadal en Sarria
Sarria pon en marcha unha serie de obradoiros para estas datas de Nadal. O teatro, a gastronomía e as artes plásticas son as temáticas das propostas que terán lugar entre o 16 de decembro e o vindeiro 3 de xaneiro.
A programación comeza o vindeiro sábado 16 co obradoiro de teatro que terá lugar na Casa da Cultura de 10.00 a 19.00 horas. A través desta experiencia preténdese que os participantes poidan desenvolver as súas habilidades escénicas e que exploren a súa creatividade.
O 17 de decembro é a quenda do obradoiro de panxoliñas que se celebrará no mesmo lugar a partir das 17.00 horas. A actividade está aberta a todos os públicos e será impartida pola Coral Polifónica de Sarria. Por outra banda, os amantes da gastronomía teñen unha cita o venres 22 na praza do Concello. A partir das 18.00 horas, organizarase un obradoiro de chocolate e a presentación do libro 'Matías López: de Sarria a El Escorial'. As últimas actividades serán o mércores 3 de xaneiro na Casa da Cultura con propostas que xiran arredor das artes plásticas.
A artista Mina Vrillet impartirá de 11.00 a 13.00 horas un obradoiro de creación plástica infantil e de 16.00 a 18.00 horas levará a cabo o obradoiro para a residencia de maiores Nosa Señora do Carme. Os adultos tamén teñen un oco no taller que se desenvolverá de 19.00 a 21.00 horas. As prazas son limitadas, polo que os interesados deben realizar as súas inscricións a través do correo cultura@sarria.gal ou solicitar máis información a través do 982 535 000.