Obras de asfaltado na rúa da Igrexa e na rúa da Esperanza en Sarria
O vindeiro luns día 25 de outubro, o Concello de Sarria procederá ao asfaltado da rúa da Igrexa e da rúa da Esperanza de Oural, sempre que o permitan as condicións meteorolóxicas.
Por este motivo produciranse cortes no acceso en ambas. A Policía Local de acordo co CEIP Antonio Fernández López, recolocarán a parada de autobuses eventual e establecerán o protocolo para que os nenos e as nenas accedan ao centro con todas as garantías de seguridade.
Así mesmo o día 25 iniciarase asfaltado das rúas Matías López e Benigno Quiroga. O tempo estimado para a execución das obras é de 7 días.
Debido a que se procederá ao corte de vías principais, a Policía Local elaborou un plan alternativo para circular polas rúas de Sarria. Así pois, na Lu-546, entrada Monforte de Lemos a Lugo, desviarase o tráfico pola Rúa Castelao e na Lu-546, entrada Lugo a Monforte de Lemos, desviarase o tráfico pola Rúa Xela Arias e Rúa das Insuas.
O acceso ás rúas afectadas polas obras estará prohibido, habilitando circulación (sinais obrigatorios) para o uso dos veciños e veciñas. Para desprazamentos fóra de Sarria, dende o concello rogan o emprego de vías do arrabalde do centro urbano, como o corredor CG 2.2.
Para calquera aclaración relacionada coa mobilidade dentro do centro urbano poden poñerse en contacto coa Policía Local no teléfono 982 530 850.