Obras de renovación nas estradas que conectan Paradela e Currelos
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto aos deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, supervisou as obras de mellora e renovación do firme de tres estradas provinciais que conectan o concello de Paradela co núcleo de Currelos, no municipio do Saviñao. A Deputación de Lugo dedica a estes traballos un investimento de 500.000€.
José Tomé subliña a importancia e o alcance deste proxecto, co que a Deputación completa o acondicionamento das conexións entre Paradela e Currelos, logo de que a institución provincial actuara recentemente no tramo que une Escairón e Currelos. As actuacións inclúen a reapertura de cunetas, aglomerado en quente e sinalización horizontal con pintado da vía mediante marcas viais reflexivas brancas.
As obras consisten no acondicionamento de máis de 12 quilómetros das estradas LU-P-4201, LU-P-4205 e LU-P-5818. No caso da LU-P-4201, que une Pacios con Mosteirovello, arránxase en tres treitos, que suman un total de case 2,5 quilómetros: o primeiro tramo vai dende o punto quilométrico 0 ata o 1,235; o segundo, dende o 1,405 ao 1,810; e o terceiro, do 3,435 ó 4,200. Esta é unha estrada que vertebra parte do municipio, dando servizo a unha zona importante da poboación de Paradela.
Na LU-P-4205, que une os núcleos de Aldosende e Foilebar, pasando por Feasita, mellórase un treito da vía de máis de 3 quilómetros e medio, dende o punto quilométrico 2,331 ao 5,924.
A terceira vía que se arranxa en Paradela é a LU-P-5818. Os traballos acométense dende a intersección coa estrada provincial LU-P-4202 ata o núcleo de Vila. Esta estrada dá servizo a moitas parroquias e núcleos que concentran bastante poboación, como son Valmigallo, Vilacaíz, Carballós e O Amedo.
O Presidente subliña que “a Deputación continúa sacando adiante proxectos e facéndoos realidade, o que dá mostra do importante ritmo de xestión que estamos desenvolvendo nun momento no que favorecer a economía da provincia é especialmente importante debido á crise provocada pola pandemia”. Así mesmo, puntualiza que “seguimos demostrando que unha da prioridades deste Goberno é a mellora das comunicacións. Cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos. Ademais, a obra pública tamén é importante para incentivar a actividade económica e axudar a manter ou crear emprego”, subliña o Presidente.