Olalla Rodil anima á veciñanza de Sarria a participar dunha charla informativa sobre Altri este venres
A viceportavoz do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, anima ás veciñas e veciños de Sarria a acudir á charla informativa sobre o proxecto de planta de celulosa que a multinacional portuguesa Altri planea instalar no concello de Palas de Rei, que terá lugar o venres 26 na Casa da Cultura de Sarria ás 20.30 horas.
Rodil intervirá nesta charla xunto con Rubén Lois catedrático en Análise Xeográfica, que afondará nas implicacións que o proxecto terá para para o camiño de Santiago na comarca da Ulloa no resto de concellos de Lugo e de Galicia.
As persoas asistentes poderán coñecer mellor as implicacións da implantación do megacomplexo industrial de Altri, e os efectos que terá en todo o territorio galego, ademais do impacto negativo que terá sobre a actividade económica e no emprego nas zonas no noso país.
“Pretenden instalar en Galicia unha fábrica contaminante que non queren en Portugal”, denunciou a deputada, advertindo do “enorme impacto territorial, no tecido socieconómico” non só en Palas de Rei, senón en todos os lugares por onde o Camiño de Santiago pase pois ninguén vai querer vir a a facer un camiño onde te atopes con unha cheminea de 75m de altura e con uns cheiros que afectan a varios km.
Rodil destacou, o impacto económico que a fábrica terá na zona na que se enmarca a DOP Arzúa-Ulloa, a segunda en produción do Estado español, con numerosas explotacións agrogandeiras e proxectos empresariais vinculados ao sector primario ou ao Camiño que xeran riqueza e postos de traballo na zona.
“En vez de axudar a estes proxectos o Goberno do PP leva anos impedindo que se poida culminar a concentración parcelaria en zonas afectadas polo proxecto de Altri”, denunciou a viceportavoz parlamentaria, que advertiu así mesmo da demanda de eucalipto que esixirá a fábrica de Altri, "exercendo aínda máis presión sobre as terras agrarias e reducindo a superficie agraria útil".