Olga Capón Moreno nomeada nova presidenta da xestora do PP de Láncara
Olga Capón Moreno vén de ser nomeada presidenta da xestora do PP de Láncara. Diplomada en Relacións Laborais e cunha ampla experiencia profesional en recursos humanos e xestión administrativa, esta veciña da parroquia de Bande asume a presidencia da xestora da agrupación local do Partido Popular “moi ilusionada por facer cousas por Láncara” e co obxectivo de “sumar” dende “o respecto, a humildade e o traballo”.
Os populares dan un paso máis na renovación e reforzo da agrupación local co obxectivo de “chegar máis fortalecidos ás eleccións municipais do 2023”. Nesa liña, a nova presidenta da xestora dará a coñecer nas vindeiras semanas ao resto do equipo que conformará a xunta xestora do partido ata a celebración do correspondente congreso local. A xestora será a encargada de nomear ao candidato ás vindeiras eleccións municipais co obxectivo de alcanzar a alcaldía.
A nova presidenta da xestora comprométese a escoitar aos afiliados e a tódolos veciños e veciñas e a “traballar para que Láncara teña o esplendor que merece porque agora está desaproveitada: o actual goberno non avanzou en nada despois do que deixou feito o goberno presidido por Eladio Capón, o meu pai”.
Capón Moreno considera prioritaria a creación de emprego para favorecer que a xente poda vivir e traballar en Láncara e aposta por resaltar o noso patrimonio, coidar o medio ambiente, potenciar o deporte e, por suposto, o benestar social vencellado ó "coidado
dos maiores, a atención aos máis pequenos e a oferta de actividades para os rapaces e rapazas e tamén para as mulleres nas mesmas condicións que os homes”. Ademais, “é fundamental garantir os servizos aos veciños e veciñas e facer que sexa atractivo vivir no noso concello para todos aqueles que xa nos sentimos orgullosos de Láncara”. Así mesmo, aposta por “unha boa xestión dos recursos materiais e humanos”, un ámbito no que dispón de ampla traxectoria laboral.
A popular destaca o potencial do municipio “moi ben situado e con moitos recursos”, pero lamenta que “o actual goberno non atenda ás pistas para ofrecer comunicacións en bo estado aos veciños e veciñas de tódalas parroquias nin se preocupe polas traídas de auga”. Estes son dous servizos fundamentais para o importante sector gandeiro do municipio ao que, ademais, cre que “hai que revisarlle os impostos”.
A dirección provincial que subliña a capacidade de traballo, a honestidade e a proximidade de Olga Capón, continúa fortalecendo as agrupacións municipais “sumando equipos de traballo e reforzando a estrutura do partido a nivel local”.