Olga Goyanes, da Asociación San Martiño de Río: “Imos inaugurar unha exposición sobre a vida da enfermeira Elvira López”

SarriaXa
Falamos con Olga Goyanes, da Asociación San Martiño de Río de Láncara, a única entidade social desta parroquia lancaresa
San-Martiño-de-Río-Láncara
26 Maio 2024

Por Jessica Fernández Cerdeira.

Cando xorde a Asociación San Martiño de Río de Láncara?

A Asociación San Martiño de Río de Láncara xorde en agosto de 2019, nunha comida que os veciños decidimos celebrar todos os anos desde 2014 na que nos xuntamos os antigos alumnos do colexio de Río. Ese ano, en 2019, decidimos facer unha asociación co obxectivo e finalidade de revitalizar e potenciar as relacións sociais entre os veciños, así como restaurar o edificio do colexio.

Todos os veciños e veciñas de Río formamos parte da asociación así como outras persoas que non forman parte da parroquia. En total somos máis de 100 persoas.

Que iniciativas promoveron ata agora?

Pois a asociación naceu en agosto de 2019 e pouco despois veu o covid, polo que non nos deu tempo a facer ningunha actividade concreta. O que si fixemos é pedirlle axuda ao Concello de Láncara, xa que o colexio de Río é de titularidade municipal e axudounos a ir mellorando o local, que leva máis de 30 anos pechado como institución educativa e só abría como colexio electoral nos diferentes comicios, pero nós queremos utilizalo para facer as reunións, para promover actividades e para o que xorda.

Desde o Concello mostráronse colaboradores con nós e cambiaron as ventás, arranxouse o tellado e limpárono. Agora, pedimos unha subvención á Xunta de Galicia para poder cambiar o chan porque temos medo de que afunda e, despois, coa cesión do Concello, utilizarémolo e darémoslle dinamismo.

Que plans teñen en mente?

Polo de agora, recuperamos a comida do San Martiño, o cocido de Entroido, pero estamos abertos a todo tipo de actividades nas que estean interesados os veciños. O ano pasado intentamos facer partidas de tute, pero non saíron.

Tamén queriamos promover o desenvolvemento dalgún taller e algunha formación, como un curso de primeiros auxilios, e algo de terapias para maiores. Estamos vendo a ver o que lle podemos solicitar ás administracións.

Ademais, proximamente imos inaugurar no colexio unha exposición sobre a vida de Elvira López, a primeira enfermeira militar española e a primeira da aviación sanitaria de España, que naceu aquí en San Martiño de Río no ano 1893.

Queremos honrar esta muller da man da Escola de Enfermería, que fixo unha composición histórica da súa vida e nós exporemos uns paneis con fotos e biografía da nosa veciña para todos os veciños e persoas interesadas en visitala.

Son necesarias as axudas das administracións para este tipo de asociacións?

Tendo en conta os nosos escasos recursos, é imprescindible contar coa colaboración do Concello, da Xunta e da Deputación. Por exemplo, para a exposición contamos coa Deputación, que nos facilitaron os paneis. A calefacción e o chan foron pedidos á Xunta. E o Concello, ademais de cedernos o local e arranxar o teito, vainos facer unha fosa séptica.

Por que son importantes este tipo de asociacións?

Son moi importantes para a xente e para o municipio, xa que revitalizan e potencian as relacións sociais e culturais de veciños. Tamén valen para revitalizar o lugar, porque se non a parroquia quedaría moi baleira; hai explotacións gandeiras en Río pero hai casas nas que quedan unha persoa ou dúas maiores. Dentro duns anos, estarán pechadas.

Para que non a coñeza, como é a parroquia de San Martiño de Láncara?

Agora non hai moito movemento, somos a única asociación que hai. Antes había moitísima mais xente que agora, con explotacións e casa dedicadas á agricultura e gandaría, e agora están pechadas.

A nivel xeográfico limita co Concello de Sarria e ten boas vistas ao val de Sarria, pero carece de patrimonio cultural importante. Ten un río pequeno que nin en verán leva auga, aínda que a parroquia se chame Río.

0.18535685539246