Olga Iglesias, alcaldesa de Triacastela, premiada pola súa defensa do Camiño Francés no 'Foro do Bo Burgo'

SarriaXa
Destacaron “o seu esforzo persoal como alcaldesa do rural e as súas iniciativas a prol do Camiño Francés”
Olga-Iglesias-alcaldesa-Triacastela-Burgo
20 May 2025

A alcaldesa de Triacastela e presidenta da Mancomunidade do Camiño Francés, Olga Iglesias, recolleu en Castro Caldelas un dos galardóns entregados co gallo do ‘Foro do Bo Burgo’, un recoñecemento que distingue a súa traxectoria e compromiso coa defensa do Camiño Francés ao seu paso por Galicia.

O premio foi outorgado polo Concello de Castro Caldelas, presidido por Sara Inés Vega, no marco da conmemoración dos 797 anos do ‘Foro do Bo Burgo de Caldelas’, considerado o documento máis antigo escrito en galego que se conserva. Trátase dun texto legal outorgado polo rei Afonso VIII de León no ano 1228, que establecía dereitos e obrigas para os habitantes do burgo.

Estes galardóns teñen como obxectivo homenaxear a aquelas persoas físicas ou entidades que destacan pola súa defensa da lingua galega, das tradicións populares ou polo seu labor en favor das terras e da xente de Galicia. No caso de Olga Iglesias, o xurado, formado por Sara Inés Vega, o historiador Manoel Carrete e o párroco José Manuel Armesto, salientou “o seu esforzo persoal como alcaldesa do rural e as súas iniciativas a prol do Camiño Francés”, destacando o seu papel na promoción e protección dunha das rutas xacobeas máis emblemáticas.

Este recoñecemento súmase ao traballo que desde Triacastela e a Mancomunidade do Camiño Francés se vén desenvolvendo nos últimos anos para poñer en valor o patrimonio cultural, natural e histórico desta ruta milenaria.

⚙ Configurar cookies
0.14975190162659