Olga Iglesias Fontal repite na presidencia do PP de Triacastela
A alcaldesa, Olga Iglesias Fontal, repite na presidencia do PP de Triacastela como resultado do derradeiro congreso celebrado polo Partido Popular da localidade da montaña lucense, cunha candidatura única.
Ó congreso asistiron, entre outros membros da dirección provincial, o coordinador xeral e portavoz, José Manuel Balseiro, e o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal. Dende a dirección provincial sinalan que “o partido actualízase e refórzase de cara ás eleccións municipais, para conseguir de novo o goberno municipal, pero con resultados aínda mellores que nas anteriores eleccións locais”.
“A dirección popular que sae deste congreso é ampla a moi representativa”, afirman dende o partido. A vicepresidencia de honor recae en María Isabel Fontal Pérez, a secretaría xeral queda a cargo de Bautista Arias Pombo, o vicesecretario de acción electoral é Óscar Fontal Caldeiro, e o vicesecretario de acción Territorial, Luis López Arias. A dirección popular complétase con 16 vocais.
Olga Iglesias sinala que asume de novo a presidencia local do partido “con humildade e con reforzada vocación de servizo ós seus veciños. O obxectivo é moi claro: conseguir por cuarta vez consecutiva gobernar en Triacastela, e completar así os obxectivos marcados para continuar mellorando a calidade de vida dos veciños do municipio”.
Iglesias Fontal insiste en que “se enfronta ó novo período como presidenta do PP local con humildade e moitas ganas de traballar. E afondando en dúas liñas seguidas ata agora na relación cos veciños de Triacastela: Escoita activa, para coñecer as inquietudes e os problemas reais, e proximidade”.
“Entre os obxectivos están, como non pode ser doutra maneira, traballar para favorecer a creación de postos de traballo e asentar poboación. Nesa liña, está o de avanzar na mellora das infraestruturas e nas prestacións sociais, especialmente no que se refire aos nenos e aos máis maiores”, sinala Olga Iglesias.