Organizan en Samos unha demostración do uso de bioestimulantes en castaños

A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos celebrará o vindeiro xoves 12 de xuño unha demostración en campo do uso de drons (UAS) para a aplicación de tratamentos con bioestimulantes sobre castiñeiros na aldea de Renche, no Concello de Samos.
A xornada desenvolverase a partir das 10:00 horas cunha charla sobre as experiencias en rexeneración de soutos que ven desenvolvendo en Asturias durante os últimos anos o Profesor do Departamento de Bioloxía de Organismos e Sistemas da Universidade de Oviedo, Pedro Álvarez, natural da Fonsagrada.
A continuación, explicaráselles aos asistentes o programa de probas con bioestimulantes que se vai realizar en soutos de Renche, coa colaboración da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo e o castañicultor local Saúl Sánchez.
As probas realizaranse cun produto bioestimulante da empresa Agrobio (Almería) e será aplicado pola empresa Beniu, especializada en tratamentos con uso de drons.
A actividade estará condicionada pola climatoloxía, polo que se podería trasladar a outra data en caso de non ser favorables as condicións meteorolóxicas para o voo dos drons no día elixido.