Organizan o I Obradoiro de Dirección de Banda este domingo en Sarria
O vindeiro domingo 2 de febreiro celebrarase en Sarria o I Obradoiro de Dirección de Banda, organizado pola Banda de Música da Comarca de Sarria (BMCS).
A xornada intensiva desenvolverase no local de ensaio da BMCS, situado no Meigallo, e comezará ás 10.00 horas, prolongándose ata as 19.00 ou 20.00 horas.
O obradoiro busca fortalecer a relación entre os dous piares fundamentais dunha banda: o director e os músicos. A comunicación entre ambas partes resulta esencial para un bo funcionamento da agrupación, tanto a nivel musical como emocional. A diferenza doutros cursos de dirección, este evento non se centra unicamente na formación de directores, senón que pon o foco nos propios músicos, axudándoos a interpretar mellor as indicacións do director e a deixarse guiar de forma efectiva.
Ademais, algúns dos participantes terán a oportunidade de coller a batuta por momentos, iniciándose ou perfeccionándose na arte da dirección musical.
A pesar de ser unha actividade organizada pola BMCS, ao obradoiro asistirán músicos doutras agrupacións. En primeiro lugar, os integrantes das bandas da comarca, como a Banda de Sarria e a Banda de Paradela. Tamén se convidou a outras bandas da provincia que colaboraron coa BMCS, entre elas as de Chantada, Viveiro, Vilalba, Antas de Ulla, Rábade, Outeiro, Begonte, Baamonde e a Banda Filharmónica de Lugo.
Un director de prestixio
O encargado de dirixir o obradoiro será David Fiuza Souto, director con ampla traxectoria a nivel autonómico, nacional e internacional. Natural de Vila de Cruces, Fiuza formouse en dirección de orquestras e bandas en prestixiosos centros de formación musical de Valencia e os Países Baixos. Ao longo da súa carreira, dirixiu agrupacións como a Banda Sinfónica de Buñol, a Banda Sinfónica Municipal de Madrid, a Banda Sinfónica Portuguesa, o Norwegian Wind Ensemble e a Rundfunk Blaser Orchester de Leipzig, acadando numerosos premios internacionais.
Actualmente, exerce como director da Banda Municipal de Lugo, a Banda Sinfónica Galega e a Gran Canaria Wind Orchestra. O seu amplo bagaxe e recoñecido prestixio fano o mestre idóneo para liderar este obradoiro, ofrecendo aos participantes unha aprendizaxe de gran valor no eido da dirección musical.
Con esta iniciativa, a BMCS busca promover a excelencia musical e reforzar os lazos entre directores e músicos, fomentando un traballo conxunto máis eficaz e harmónico.