Organizan unha cea e baile para xuntar á veciñanza dos anos 60 de Sarria

Juan Rogelio e Manuel Permuy organizan unha xuntanza para toda a veciñanza da comarca de Sarria da xeración dos anos 60. "A intención é xuntar a todas as persoas de Sarria, Samos, Triacastela, O Incio, O Páramo, Láncara e Paradela para volver pasar un tempo xuntos lembrando bellos e vellos momentos".
A cita será o vindeiro 7 de xuño no Restaurante Cinza e Lume, coñecido por moitos pola Sala Litmar, un espazo cheo de recordos para toda unha xeración.
O evento comezará cunha cea e prolongarase nunha festa que promete traer o espírito da época da man dun DJ que pinchaba precisamente naquel entón nesta mesma sala. “Queremos recuperar ese ambiente tan noso, esa alegría de estar todos xuntos”, engade Rogelio.
A organización agarda reunir arredor de 100 persoas, aínda que anima a toda a xente interesada a sumarse a esta celebración que pretende converterse nunha homenaxe aos bos tempos compartidos. As inscricións continúan abertas e os organizadores insisten: “Cantos máis, mellor. Será unha noite para lembrar”.