Organízanse dúas novas actividades para a comunidade educativa desde o IES Xograr Afonso Gómez

SarriaXa
O centro educativo busca implicar ás familias na comunidade educativa a través destas propostas
IES-Xograr-Afonso-Gómez-Sarria
28 Maio 2024

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria lanza dúas actividades ben distintas buscando a participación conxunta de todos os membros da comunidade educativa.

Por unha banda o 14 de xuño, pola tarde, familias, alumnado e profesorado poderán gozar dunha sesión-obradoiro coa escritora de literatura infantil e xuvenil e ilustradora, Estefanía Padullés. Esta actividade estará enmarcada dentro do programa 'Lectura e familias' Ademais, Padullés realizará outras sesións o día 19 de xuño, só co alumnado, coa finalidade do fomento da lectura daquelas publicacións que teñen coma soporte a ilustración e tamén a exploración entre amocidade das formas de expresión do comic, o manga e a banda deseñada. Aproveitarase a campaña deste ano 'Unha biblioteca escolar en viñetas' para traballar arredor dese eixe temático.

Por outra banda, o IES Xograr organiza unha saída en bicicleta en familia para toda a comunidade escolar, en colaboración co club DHG Team, para o vindeiro 15 de xuño. Esta actividade busca promover o tempo de ocio activo entre os membros da comunidade educativa. A saída será as 11.00 horas do instituto e realizarase un percorrido que rematará na praia fluvial da Pobra de San Xiao. Haberá remolques para bicis e un coche de apoio. A idea é rematar cun xantar.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 12 de xuño ou ata que se esgoten as cincuenta prazas que existen para os participantes. A forma de anotarse é no instituto, e cada menor de idade ten que estar acompañado por un adulto. Será obrigatorio o uso de casco e o percorrido será por pistas e carreiros.

0.17224097251892