Orquestra Miramar: "Vai ser máis especial ca nunca!”
Noelia Porto e Takito Mariñas forman parte da Orquestra Miramar, que actuará no San Xoán de Sarria este 25 de xuño ás 22.30 horas. Ambos contestan a esta entrevista, na cal revelan as razóns que os levaron a estar sempre preto dos escenarios e a música.
Que é para vós a Orquestra Miramar?
NOELIA PORTO: Para min é a orquestra da casa, pois eu son de Ponteareas de onde é a formación. Este ano cando me chamaron sentinme moi feliz de poder formar parte dela. Sempre a recordo como unha orquestra de baile, apegada ao público. Tratamos de adaptarnos a eles; temos un amplo repertorio e vendo as idades predominantes na festa xa nos imos adaptando. Mais en definitiva é unha orquestra moderna, os tempos tamén o requiren!
TAKITO MARIÑAS: “Orquestra Miramar 2022” poderíase dicir que é todo terreno, pode adaptarse a calquera tipo de festa e de público, sen defraudar nin deixar indiferente a ninguén.
Cales pensades que os puntos fortes que poderán ver nela os sarriáns nestas festas de San Xoán?
NOELIA PORTO: Sen dúbida, a proximidade coa xente, o amplo repertorio, o saber adaptarse. Podemos facer tres horas de baile máis típico como outras tantas de festa rachada nun plan máis actual. Este ano, a pesar de que foi un cambio grande para a orquestra, pois só quedaron tres persoas da antiga formación, a verdade é que nos adaptamos moi ben. Temos un bo compañeirismo. Vai ser un verán moi ameno, un gran verán, non pesabamos que se ía recuperar tan pronto a cousa!
TAKITO MARIÑAS: Os puntos fortes da formación son o traballo en equipo, o dinamismo, a versatilidade e a orixinalidade, sen esquecernos de que conta cun dos equipos artísticos de maior nivel que hai este ano na verbena.
Como se desenvolveu a vosa paixón polo mundo musical? Cales son os vosos referentes?
NOELIA PORTO: O meu amor pola música lévoo dentro, no sangue, nas veas… Toco na “Banda de Música Unión de Guláns” de Ponteareas. Son a sexta xeración da miña familia na banda, como non ía gustarme a música! E en canto aos meus referentes musicais, non che diría Beyoncé nin nada polo estilo, senón meu pai e meu avó. Eles son os meus referentes musicais. De aí chegou o meu afecto pola música, de ir tocar coa banda polas festas, pois tamén fan moitas verbenas. Aparte diso, estudei Arte Dramático, entón o do escenario e actuar é como un bloque, xa está todo na miña vida. A verdade, é unha vida moi gratificante porque fas desfrutar á xente co que ti desfrutas. Iso sempre é o mellor agasallo.
TAKITO MARIÑAS: Naceu comigo e foi medrando co paso dos anos. Referentes musicais como tal non teño, gústame todo tipo de música. Pero si é certo que como cantante que son teño preferencia por aqueles artistas con identidade, esas voces que pechas os ollos e só con escoitalas sabes dicir quen son.
Gardades relación coa vila de Sarria ou asististes algunha vez a esta festividade?
NOELIA PORTO: Non gardo ningún vínculo con Sarria nin estiven xamais nas súas festas, así que este vai ser o meu primeiro ano no seu San Xoán! Teño moitísimas ganas de gozar da súa festa por toda o que implica e máis logo destes anos catastróficos… Vai ser máis especial ca nunca! Ademais, poder celebralo en Sarria ten pinta de ser marabilloso, faime moita ilusión!
TAKITO MARIÑAS: Pois vínculo a nivel persoal non teño ningún, pero referíndonos ás festas de San Xoán este é o cuarto ano no que veño a tocar.
Que supón para vós, agora que parece que a pandemia nos deixa respirar, poder facer o voso traballo con maior normalidade?
NOELIA PORTO: Ao principio do ano era unha incerteza tremenda, pois cando contactaron comigo da orquestra para esta tempada ninguén sabía como ía ser. Está resultando impresionante, no noso caso levamos traballado moitísimo e todo o que nos queda porque vén agora o verán! Estamos flipando coa acollida e coas ganas de festa que hai no ambiente. Xa tiñamos ganas diso; de música, de saír, de noites de verán, de San Xoán, de festas patronais, gastronómicas… Para min, as primeiras datas, logo de dous anos, significaron unha emoción tremenda. Foi como se fose o primeiro día de escenario en toda a miña vida!
TAKITO MARIÑAS: Imaxino que o mesmo que para todo o mundo; recuperar as nosas vidas, retomar aqueles proxectos que tivemos que deixar apartados, e no noso caso volver ó traballo xa que as orquestras durante a pandemia non tivemos posibilidade de saír a traballar.
Tedes algún tema predilecto dentro do repertorio que ofrece a Orquestra Miramar?
NOELIA PORTO: Estou moi contenta con todo o repertorio que teño, aínda que sempre hai algunha canción que se atravesa. Por exemplo, teño un valse que é moi bonito e ao ser tan fermoso póñome tan nerviosa que non remato de desfrutalo. Pero si hai un tema que me gusta moito; o de “Ateo” de C.Tangana e Nathy Peluso. Nós démoslle o noso toque en versión merengue, que é un punto a favor en Miramar, pois sempre lle damos o noso toque persoal. Facelo dun xeito diferente faino especial. Pero en xeral, gústame dende a cumbia de toda a vida ata o reguetón máis moderno. Ao final estás facendo algo que desfrutas e vaiche gustar todo.
TAKITO MARIÑAS: Un dos temas que máis me gusta do repertorio é tamén “ateo”, xa que temos unha versión propia e exclusiva feita por e para nós, ó igual que moitos outros, pero ese é quizais o que máis me gusta.
E hai algún que queirades cantar e teñades pendente na lista de desexos?
NOELIA PORTO: Pois non sei, si é certo que me gustan os temas románticos. Mais estou contenta co repertorio que hai; a xente responde moi ben, baila moito e resulta un bo traballo por parte de todos os meus compañeiros. Se as cousas están ben empastadas é o que vai gustar igual ca boa relación que temos. Iso tamén vai transmitir moito!
TAKITO MARIÑAS: Sería complicado decantarse por un tema en concreto que me gustaría interpretar; teño moitos no caixón de temas "preferidos".
Poderiades amentar un artista ou unha canción que vos pareza propicia para escoitar nestas datas?
NOELIA PORTO: Suxerir unha canción nestes tempo é moi complicado, pois sae unha nova cada día! Quizais para o verán os temas de Camilo son moi animados, ou algún reguetón novo. O verán ten ese rollo fresco! Diríalles que veñan a ver a nosa formación, a desfrutar con nós, que temos cancións para todos os gustos: cumbia, valses, rancheira, reguetón, dance, algunhas de AC/DC ou Bon Jovi etc.
TAKITO MARIÑAS: Imaxino que estaremos referíndonos a temas que teñamos no repertorio, neste caso, suxeriríalles que se fixasen en "Soy minero", "Slomo", "Ateo", " Granada".... Podería nomearche todo o repertorio xa que contamos con arranxos diferentes e propios da formación e postas en escena dinámicas e moi visuais que lle aportan moita personalidade a orquestra. Motivos, entre outros, polos que este ano fomos nomeados como "Orquestra Revelación ".
Se botades a imaxinación a voar, cabo de dez anos onde vos imaxinades?
NOELIA PORTO: Non me imaxino. Ultimamente estou vivindo o presente, que por algo se chama presente, é un regalo da vida! Claramente, sempre tes que ter algún plans a longo prazo, pero non che sabería dicir; tanto podo estar aquí cantando, bailando e con fillos como podo estar en Italia (fixen un curso de italiano recentemente) facendo teatro ou telenovelas. Gustaríame ter familia, iso si o sei. Tamén agardo seguir no tema musical. Como dixen, lévoo nas veas e iso hai que transmitilo aos que veñan despois de min.
TAKITO MARIÑAS: Buff, tal como está a vida calquera se aventura a facer este tipo de premonicións, pero... Persoalmente creo que me vexo fóra do mundo da verbena e levando unha vida mais rutineira e familiar, xa que esta profesión non sempre o permite.