Os afectados pola LAT ao seu paso por Sarria pídenlle á Xunta unha reunión para chegar a acordos
A Plataforma de afectados pola Liña da Alta Tensión Chao de Marco-Belesar que pasará por Sarria vén de remitir unha carta pedindo unha reunión dos afectados coa Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia.
Así, na carta denuncian que cando se aprobou o proxecto houbo “unha falta de transparencia e desinformación na que nos vemos sumidos, mostrando en todo momento a nosa gran disconformidade con todo o procedemento”, din.
Tamén sosteñen que “o estudo de impacto medioambiental que presenta a Xunta é incompleto, non se recollen alternativas lóxicas ao trazado inicial, non hai estudos que reflexen a viabilidade en canto a nivel de saúde…” Ademais, fan referencia ao “dano económico e social ao que nos vemos sometidos, posto que mesa zona se desenvolve actividade agrogandeira que se vería afectada considerablemente”.
Con todo, denuncian que terminado o período de alegacións, “seguimos sen vías de comunicación para que as persoas responsables do proxecto se reúnan cos afectados para explicar e aclarar dúbidas; polo que hai un nulo interese da Administración ao non defender os intereses dos máis vulnerables”.
Por todo isto, reiteran a petición dunha reunión por parte da Xunta de Galicia cos afectados a fin de consensuar solucións favorables para todos, evitando causar “un prexuízo tan elevado para a comunidade de afectados da zona de Sarria como o que está a provocar”, conclúen.
Esta plataforma, defenden desde ela, “non ten ánimo de lucro, só queremos defender un obxectivo común dos veciños afectados”. Ademais, lembran que calquera persoa afectada se pode poñer en contacto con eles a través do número 624 08 65 15 ou no correo afectadosaltatensionsarria@gmail.com.