Os Bolechas chegan a Paradela cun desafío para os máis pequenos

O Concello de Paradela acollerá o luns 4 de agosto unha cita moi especial para as crianzas da vila. A partir das 11:30 horas, na Praza do Centro Polifuncional Xesús Mato Mato, desenvolverase o espectáculo O Gran Reto, unha actividade protagonizada polos populares Bolechas, dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes promovido pola Xunta de Galicia.
Nesta ocasión, os irmáns máis famosos do audiovisual galego propoñen unha aventura divertida e chea de sorpresas para animar á cativada a usar o galego mentres se divirten. A posta en escena combina humor, participación activa do público e mensaxes educativas.
A actividade, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, forma parte dunha xira que percorre diferentes concellos galegos co obxectivo de fomentar o uso do idioma galego entre os máis pequenos a través do lecer e da cultura. O evento é totalmente gratuíto e está pensado para público infantil e familiar.
O Concello de Paradela anima a todas as familias a achegarse e participar desta xornada que une entretemento e promoción da lingua, coa garantía dun espectáculo que leva anos conquistando ao público máis novo de Galicia.