Os cabalos, burros e asnos que fagan o Camiño de Santiago terán a súa credencial
Equum Peregrinans presentou a nova credencial do Camiño de Santiago para cabalos e asnos. Este novo documento para os animais que realicen a ruta poderá solicitarse nos albergues do Camiño de Santiago e nas entidades e asociacións que colaboran no mesmo como A Asociación de Amigos do Camiños de Santiago de Sarria.
Foi na sede desta asociación en Sarria onde se fixo a presentación desta nova credencial. Este novo documento trata de recoñecer o esforzo destes animais que son os que cargan ao xinete ou as súas pertenzas. Tan só no anoo 2019 foron máis de 400 peregrinos os que decidiron realizar o camiño a costas dun cabalo.
O custe desta credencial será de 5 euros, dous serán para o albergue ou asociación que a vende, 1,50 euros irán destinados aos gastos que supón a impresión do mesmo e a cantidade restante irá destinada a Equum Peregrinans que serán os encargados de firmar o documento na chegada a Compostela.
Esta credencial non só serve para recoñecer aos animais senón que ten consellos prácticos para realizar o camiño acompañado dun equino. Entre eles información básica para acceder cos animais á Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela, xa que é preciso avisar con 30 días de antelación. Neste documento recomendan cabalgar entre 25-30 quilómetros diarios. Ademais, na certificación incluirase información sobre o animal e o xinete.
Os cabalos e asnos non son os únicos animais que contan cunha credencial exclusiva xa que, fai uns anos presentouse o mesmo documento destinado aos cans que realizan a ruta cos seus donos. A credencial deseñada por Estela Vilasó que estivo no acto de presentación xunto ao alcalde de Sarria, Xacobo Pérez, Jorge López presidente da Asociación de Amigos do Camiño en Sarria, e Iván Erik Vázquez responsable da finca El Mayoral. Esta finca conta con cortes para que os cabalos que están a realizar o camiño poidan descansar, ademais tamén ten servizo de veterinario ferrador.