Os Flavia serán os protagonistas do pregón da Noite Meiga de Sarria 2025

A Asociación Meigas e Trasgos anunciou que a Noite Meiga 2025 comezará cun pregón moi especial, protagonizado por Eugenio Sanmartín, coñecido como Genucho, en representación do emblemático grupo sarriá Os Flavia.
Con esta elección, a organización pretende recoñecer publicamente a importancia musical, emocional e cultural dunha formación que marcou unha xeración e deixou unha profunda pegada na identidade local.
Ademais, tres dos catro integrantes de Os Flavia estiveron vinculados á directiva da Asociación Meigas e Trasgos ao longo dos anos, incluído o propio pregoeiro desta edición, o que lle engade un valor simbólico á súa participación.
A entidade organizadora subliña que Os Flavia foron moito máis ca un grupo musical: convertéronse nunha referencia xeracional e nun reflexo da alma dunha Sarria viva, activa e orgullosa das súas raíces. Por iso, o pregón deste ano aspira a converterse nun acto emotivo, cargado de memoria colectiva e reivindicación cultural, no que as palabras de Genucho achegarán á escena a esencia do grupo.
O acto de presentación contará coas intervencións de Vicky Pérez e Rubén Riós, dous nomes habituais da Noite Meiga, recoñecidos polo seu talento á hora de transmitir emoción e complicidade no escenario. A súa presenza garante, segundo destaca a organización, un inicio de festa á altura do significado que representa para a veciñanza e visitantes.
Desde a Asociación Meigas e Trasgos insístese en que o pregón “non é un mero acto protocolario, senón a primeira faísca da festa, o acendido simbólico do lume que cada ano reúne á comunidade arredor da tradición, a cultura e o espírito colectivo de Sarria”.
Con este pregón inaugural, a Noite Meiga 2025 consolida o seu compromiso coa defensa e difusión da cultura local, poñendo en valor as persoas e iniciativas que axudaron a construír o patrimonio inmaterial da vila.