Os grupos municipais do Concello de Sarria critican a actitude “ditatorial” do alcalde
O Partido Socialista e o Partido Popular de Sarria denuncian a actitude do alcalde do municipio, Claudio Garrido, ao convocar un pleno de urxencia con só 5 horas de antelación.
Así, o voceiro municipal do PSdeG en Sarria, Benjamín Escontrela, explicou que é unha “falta de respecto á oposición sabendo que varios concelleiros non poderían acudir”. Ademais, cualificou a súa xestión de “caótica” e lamentou unha forma de gobernar “ditatorial e sen planificación de ningún tipo”.
Pola súa parte, a voceira popular en Sarria, Carmen José López, denunciou que, unha vez máis, “quedaron patentes as malas formas de Garrido á fronte do Concello de Sarria, unhas dotes máis dun ditador que dun alcalde demócrata”, ao convocar un pleno cunha antelación mínima “co único obxectivo de tentar tapar unha nova neglixencia do seu equipo de goberno porque o único que quere é convalidar unha modificación do contrato do alumeado público que tiña que ter levado a pleno hai 6 meses”.
Esa mesma opinión comparte o voceiro socialista, que explica que “a urxencia non estaba xustificada en ningún caso, porque os expedientes dos que tratou o Pleno databan dos meses de maio e xuño, e os prazos para optar a esta axuda sabíanse 6 meses antes”, expuxo Escontrela, polo que o rexedor convocou o Pleno tarde “con premeditación e aleivosía”.
A CONVOCATORIA DO PLENO
O asunto que motivou a convocatoria do pleno foi a necesidade de corrixir as partidas orzamentarias vinculadas a uns investimentos relacionados co alumeado público do Concello e poder así xustificar unha subvención dependente do IDAE.
Porén, os socialistas e os populares denuncian que cinco concelleiros non pudieron acudir ao pleno, no que o rexedor pretendía modificar as partidas dos investimentos do alumeado público “para non perder as axudas”, tal e como defenden os socialistas, que o acusan de “improvisación e mala praxe”. “Agora pretenden despachar o expediente engadindo un cadro de prezos asinado pola técnica municipal sen que se incorpore modificación algunha ou aclaración ao contido dos seus informes precedentes”, explica o socialista.
Así, os socialistas non apoiaron a iniciativa porque “é susceptible de ser declarada nula de pleno dereito e mesmo susceptible de constituír un delito de prevaricación tal e como advirten os técnicos municipais”.
Mentres, Carmen José López denuncia que “o alcalde expón a todos os veciños á perda dunha axuda de 3 millóns de euros para o contrato de alumeado público xa que tenta cubrirse ás costas tras realizar á marxe da legalidade unha serie de modificacións nas condicións do contrato”. “O único que quere é cubrir a súa mala praxe e as súas neglixencias na xestión”, denunciou.
Dende o PP lembran que Garrido xa tentou convocar este pleno no mes de xullo, pero tivo que anulalo porque había 3 informes de técnicos municipais (da responsable do contrato, de secretaría e de intervención) alertando das irregularidades que pretendía elevar a pleno e que a modificación do contrato podería estar afectada por unha nulidade de pleno dereito, o que podería desembocar na perda desa subvención.