Os informes coa información sobre a situación do matadoiro sarriao serán finalmente enviados á Fiscalía
Os informes sobre o estado do matadoiro de Sarria serán traslados á Fiscalía despois de que fora aprobada por unanimidade a proposta do alcalde, Claudio Garrido, na última reunión da comisión de investigación sobre a situación do matadoiro.
Así, os informes de Tesouraría, Intervención e Secretaría sobre a recadación da taxa polo servizo do matadoiro, así como a documentación recollida nas diferentes reunións e na propia investigación da comisión serán postos a disposición da Fiscalía. Ademais, o informe de Intervención sobre as anomalías na xestión económica do matadoiro tamén será entregado ao Tribunal de Contas.
Por outra banda, Garrido, que non quixo comparecer na comisión de investigación ao ter chegado a esta resolución, acordou cos demais partidos políticos non clausurar a comisión, aínda que as vindeiras reunións serán só en función de novas informacións e sen marcar unha data, o que Carmen López, portavoz popular, describe como “excluínte, xa que só el decide agora cando se fan”.
“Actitude ditatorial”
Pola súa banda, desde o PP sosteñen que a actitude do alcalde volveu ser “ditatorial”, xa que non quixo responder ás dúbidas dos demais concelleiros e que o rexedor non permitiu votar a proposta entre o resto de portavoces da comisión.
No seu caso, o PSOE engade que o feito de non responder ás preguntas dos demais integrantes da comisión mostra “unha falta total de transparencia” e de ter “algo que agochar”.