Os institutos de Sarria celebrarán unha comida interxeracional polos 50 anos do ensino público

SarriaXa
A cita terá lugar o 29 de maio e reunirá á comunidade educativa vinculada aos dous centros históricos da vila
IES-Xograr-Sarria
12 Apr 2026

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria e o IES Gregorio Fernández organizan unha comida de convivencia interxeracional para conmemorar os primeiros 50 anos do ensino público medio e superior na localidade. O encontro celebrarase o vindeiro 29 de maio ás 15:00 horas no Hotel Alfonso IX.

A convocatoria está aberta a toda a comunidade educativa vinculada a estes dous institutos, tanto alumnado como profesorado e persoal que formou parte dos centros ao longo destas cinco décadas. Para participar será necesario inscribirse previamente antes do 15 de maio.

A iniciativa busca converterse nun espazo de encontro e lembranza, no que compartir experiencias acumuladas ao longo de medio século de traxectoria educativa. Desde a organización destacan que son “50 anos aprendendo, descubrindo o mundo, tecendo comunidade, creando hábitos, reivindicando valores democráticos e liderando a renovación pedagóxica”.

Ademais, subliñan que o máis relevante para a comunidade é que foron tamén “50 anos soñando futuros”, polo que animan a todas as persoas que forman ou formaron parte destes centros a sumarse a unha celebración pensada para poñer en valor a súa historia común.

0.11753106117249