Os integrantes do Muvicla participaron en dúas xornadas para divulgar o seu traballo
A familia que xestiona o Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria localizado na parroquia de Trasliste, en Láncara, vén de pasar una semana de moita divulgación do seu traballo no Muvicla.
Desta maneira, participaron en dúas xornadas que definen como "moi interesantes e distintas". Así, a primeira foi a xornada de museos organizada polo Servizo de Centros Museísticos da Xunta de Galicia, sobre a Lei 7/2021 do 17 de Febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia desde as experiencias do sector, "da cal fomos os primeiros en acadar o recoñecemento", lembran.
Alí, desde o Muvicla tiveron a oportunidade de expoñer o seu traballo dende os seus inicios nun acto na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Por outra banda, participaron en Quiroga dunha xornada organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Nas III xornadas sobre As actividades agrogandeiras fronte aos incendios na montaña, falouse da problemática en Quiroga e en toda a xeografía a través de diversas iniciativas, ademais de explicar como colaboraba Muvicla na erradicación dos lumes mediante o seu proxecto de vida.